Negreira, 12 de outubro do 2020 – O concello de Negreira decidiu cancelar a carreira popular coñecida como “A Clásica” pola situación de crise sanitaria.
A proba estaba prevista para o próximo día 8 de novembro e sería 41º edición de esta carreira popular. Desde o concello de Negreira explican que quixeron “apurar as opcións para a súa celebración de forma segura para as/os corredoras/es, pero a evolución da situación sanitaria pola Covid-19 e a incerteza do futuro próximo obríganos a renunciar a acoller un evento que reúne máis de 1.500 participantes anualmente”.
O concello pon a vista xa en novembro do 2021 onde esperan poder celebrar a proba. Aseguran que “Seguiremos traballando dende xa para celebrar xuntos a vindeira edición nas mellores condicións, esperando que os próximos meses nos deparen un escenario máis certo e seguro do que vivimos agora”.
Negreira fai ademais un agradecemento especial ás “empresas, colaboradores e a todos os atletas que participaron con nós noutras edicións, especialmente a aqueles que a Covid-19 golpeou máis duramente”.