займ срочно

XI Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro

0

Negreira, 24 de maio do 2022 – Negreira acolleu no salón de plenos a presentación do XI Certame de Poesía Xosé M. López Ardeiro e a entrega do poemario gañador da última edición.

A obra gañadora en 2021 foi Furtivas, cuxo autor é Rafa Vilar, natural de Cee e filólogo e escritor, sendo un dos promotores do Batallón Literario da Costa da Morte.

O libro, editado por Medulia Editorial, está composto por 70 poemas. Ademais dos 300 exemplares da primeira tirada o premio consistiu en 2.500 euros que xa lle foron entregados en decembro pasado durante o acto do fallo do xurado por parte do Concello de Negreira.

Na presentación participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a alcaldesa accidental, María del Mar García Vidal. Estiveron acompañados polo presidente do xurado, José Antonio Ponte Far, e mailo membro do mesmo, o poeta Xulio López Valcárcel, en representación de Medulia Editorial coma editor do libro, así coma familiares do finado poeta de Logrosa, entre outros.

Anxo M. Lorenzo salientou o apoio da Xunta a certames como o Xosé M. López Ardeiro de poesía que dende hai once anos organiza o Concello de Negreira co apoio da Xunta, e engadiu: «Esta iniciativa constitúe ademais unha homenaxe ao poeta negreirés, cuxa frutífera obra pervive a través deste certame e das propostas que a el se presentaron nestas dez edicións», apuntou.

A undécima do premio ten como prazo de presentación das obras do 26 de xullo ao 1 de decembro. A contía do premio repite coma na edición de 2021: a publicación do poemario gañador por parte da Dirección Xeral de Cultura, coa entrega dun lote de exemplares, así coma 2.500 euros de premio en metálico por parte do Concello de Negreira. O segundo finalista recibirá un premio consistente en 500 euros en metálico por parte do Concello de Negreira.

O fallo do xurado darase a coñecer nun acto a celebrarse no Auditorio do Centro Sociocultural, o venres, día 16 de decembro de 2022.

Bases

Os poemarios deben ser orixinais, inéditos e non ter sido premiados con anterioridade en calquera outro concurso ou certame. Deben estar escritos en lingua galega e terán unha extensión mínima de 350 versos e máxima de 700, escritos con tipografía de imprenta (tipo Arial 12 ou similar), a dobre espazo, e con absoluta liberdade do autor/a en canto a estrofas, medida e rima. Os participantes deben presentar unha copia impresa e outra dixital (en formato Word ou pdf), sen sinatura, e facendo constar neles soamente o título e o lema. Noutro sobre deberán achegar no seu interior: o lema xunto co nome, dous apelidos, fotocopia do D.N.I., e número de teléfono do autor/a, e no exterior de dito sobre consignarase o lema e o certame ao que se presenta. Compre sinalar que só se abrirán os sobres dos poemarios premiados. Os traballos deberán ser entregados na Delegación de Cultura e Deportes, na primeira planta da Casa da Cultura, na Carreira de San Mauro, número 11 (15830 Negreira – A Coruña). Mais información: 981 885 886 ou a través do enderezo: cultura.deportes@concellodenegreira.es.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies