Nova edición de Toponimízate para seguir poñendo en valor a toponimia dos concellos

0

Bisbarra, 29 de setembro do 2021 –  Política Lingüística e a Real Academia Galega poñen en marcha unha nova edición de Toponimízate, o programa de posta en valor da toponimia dos concellos.

A presentación contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes. Toponimízate. Coñece os nomes da túa terra non se celebrou no 2020 por mor da crise sanitaria e as obrigadas restricións. Este ano celebrarase entre outubro e decembro en nove concellos, oito deles da Rede de Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia.

Toponimízate buscará de novo involucrar a voluntarios por medio da app Galicia Nomeada, un software móbil e gratuíto que explica na súa descrición que ” Ninguén coñece mellor os nomes dun territorio cás persoas que o habitan e que conservaron e transmitiron co seu uso, despois de varias xeracións, un ben cultural tan valioso”.

Valentín García, e Víctor F. Freixanes estiveron acompañados de Vicente Feijoo, o especialista en toponimia do Seminario de Onomástica da Academia que se encargará de impartir as charlas previstas.

“Toponimízate supón a difusión e socialización dunha riqueza lingüística e cultural tan importante como son os nomes da terra. Busca a colaboración e o prestixio de saber chamarlle a cada lugar polo seu nome”, destacou Valentín García. “ É tamén un exemplo de colaboración entre administracións e unha entidade tan importante como a RAG que, desde hai algúns anos, está indo da man connosco neste proxecto de referencia”, engadiu o representante da Consellería de Cultura, Educación en Universidade.

Pola súa banda, o presidente da RAG salientou o gran valor da toponimia galega e a importancia do seu estudo, que a Academia desenvolve a través do Seminario de Onomástica. “A toponimia é a ciencia que estuda os nomes de lugar, a memoria da nosa paisaxe e da nosa xeografía, memoria humanizada que se constrúe ao longo do tempo, de xeración en xeración, e que constitúe un patrimonio de enorme valor. Galicia é un dos espazos europeos con máis riqueza cultural neste eido. Cada metro cadrado ten nome de seu, significación histórica que marcaron os devanceiros”, destacou.

Víctor F. Freixanes referiuse tamén á necesidade de implicar o público xeral “na descuberta dun patrimonio que debe conservarse e transmitirse ás novas xeracións”  e agradeceu a implicación “de tanta xente do común, particulares e institucións” nesta campaña.

Charlas programadas

As charlas de Toponimízate divídense en dous bloques temáticos. O primeiro deles aborda a riqueza toponímica galega, mentres o segundo presenta o funcionamento da aplicación colaborativa Galicia Nomeada, unha plataforma a través da cal a veciñanza pode engadir os diferentes microtopónimos que coñeza e que xa conta con máis de 2200 usuarios que compartiron preto de 31.000 nomes de lugares dende o 2019.

Ademais, as sesións de Toponimízate tamén permiten coñecer as utilidades prácticas para a Administración pública, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral desta información unha vez xeorreferenciada e normativizada, e conclúen cun percorrido polo significado dos nomes das parroquias e aldeas do concello en cuestión coa colaboración do académico da Universidade de Vigo Gonzalo Navaza, membro do Seminario de Onomástica da RAG.

A primeira cita desta cuarta edición xa tivo lugar o pasado xuño en Marín, mais o resto da campaña comezará o vindeiro venres 1 de outubro en Triacastela. Outeiro de Rei, Carnota e O Irixo acollerán as restantes charlas presenciais desta edición que introduce, como novidade, tres sesións telemáticas emitidas en directo a través da canle de YouTube da RAG e que poderán verse de maneira colectiva nos espazos habilitados nos respectivos concellos de Ribeira, O Barco de Valdeorras e Meaño.

O peche da cuarta campaña de Toponimízate terá lugar en Ortigueira o 3 de decembro coa outra gran novidade da edición, un obradoiro de memoria no centro de maiores da vila. A sesión concíbese como unha actividade da memoria na que a aposta polo envellecemento activo e a calidade de vida na terceira idade irá da man da recuperación da nosa toponimia tradicional.

Toda a información e o calendario de sesións irase actualizando no Portal da Lingua Galega, na Axenda de Cultura de Galicia e no web da RAG. 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial