O alcalde de Ames reúnese coa Conselleira de Emprego

0

Ames, 19 de novembro do 2020 – O alcalde de Ames, José Miñones, mantivo unha xuntanza por videoconferencia coa Conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, na que avaliaron os programas do departamento autonómico dirixidos a impulsar a formación para o emprego.

O Concello de Ames vén de resultar beneficiario dun obradoiro e dun programa integrado de emprego, dúas iniciativas que ofrecen formación ás persoas desempregadas. A Xunta concedeu ao Concello unha axuda de 346.946 euros para a posta en marcha dun obradoiro dual de emprego sobre o Camiño de Santiago, no que participarán 20 alumnos e alumnas. Doutro lado, Ames, xunto con Brión, tamén resultou beneficiario dun Programa Integrado de Emprego (PIE) específico para mulleres con 100 prazas. A axuda do Goberno galego ascendeu neste caso a preto de 215.000 euros.

Colaboración estreita

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, resaltou na reunión a importancia da colaboración entre administracións para impulsar entre todos o emprego local. Neste senso, agardou seguir estreitando a colaboración con Ames como ata o de agora. En 2019, esta Administración local recibiu o apoio da Consellería de Emprego e Igualdade a través de diferentes liñas de axudas que sumaron máis de 700.000 euros.

Na reunión participaron a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e o Axente de Desenvolvemento Local de Ames, Juan Carlos Carreja. Paz destaca “a importancia desta formación que ten como obxectivo mellorar as posibilidades de acceso ao emprego a través da formación dos participantes”. Engade a concelleira que “o obxectivo desta nova edición é a mellora da empregabilidade e a cualificación laboral das participantes, nunha situación coma actual de especial dificultade e que afecta en maior medida a colectivos vulnerables, integrados fundamentalmente por mulleres”.

Programa integrado de emprego de Ames e Brión

O alcalde de Ames, Jose Miñones, destacou que os concellos de Ames e de Brión van poñer en marcha unha nova edición do programa integrado de emprego, que está dirixido a 100 mulleres desempregadas, a formación orientarase ao traballo nos sectores socio sanitario, comercial e de atención ao público, ocio e tempo libre, turismo, limpeza, hostalería e manexo de maquinaria. O programa comezará a desenvolverse nas vindeiras semanas e rematará en novembro do 2021. Ademais, as participantes recibirán formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas, técnicas de busca de emprego, marca persoal, comunicación, habilidades sociais e intelixencia emocional e emprendemento. Tamén contarán con titorías persoais que as acompañarán á hora de buscar emprego.

Para poder participar, as interesadas deben ter a súa residencia nos concellos de Ames ou Brión e estar inscritas como desempregadas na oficina de emprego. Para solicitar máis información do proceso de inscrición e do funcionamento do programa hai que cubrir o formulario dispoñible nas webs municipais. A partir de aí, os axentes de promoción económica dos concellos de Ames e Brión, poranse en contacto coas interesadas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial