O aniversario da Batalla de Altamira conmemorarase en xuño

0

Brión, 19 de maio do 2021 – A Deputación da Coruña traballa xunto cos concellos de Ames e Brión na conmemoración da Batalla de Altamira os días 12 e 13 de xuño.

O proxecto “Altamira Brilla” será a primeira festa histórica da comarca. Unha celebración adiada no 2020 pola pandemia e que conmemorará o 550 aniversario da Batalla.

O evento levará aos escenarios dos acontecementos roteiros, unha representación teatral e música nunha xornada de convivio e recuperación da historia. O responsábel de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas, destaca que “será a primeira festa histórica e ten vocación dun encontro participativo e colectivo”.

As conmemoracións comezarán o día 12 cun acto que terá lugar na Ponte Maceira (Ames) en que se presentarán as investigacións e os avances nos traballos para  a elaboración do plan director das Torres de Altamira. Na sesión intervirá o arquitecto Mario Crecente e as historiadoras Mercedes Vázquez e Mª Pilar Rodríguez, autoras do libro “A batalla de Altamira” ademais do deputado de Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas e representantes dos concellos de Brión e Ames.   

Pola tarde dese mesmo día terán lugar os roteiros polos escenarios da batalla en territorio dos concellos de Ames e Brión para o que fará falta reserva previa.

Festa o 13 de xuño, día da Batalla

O día da festa grande será o 13 de xuño cunha xornada que comezará a partir das 19.15, ora de saída dos autobuses que a Deputación da Coruña porá a dispor do público para se achegar ás Torres de Altamira ás que non se permitirá acceder con vehículos particulares.

A recreación teatral por parte da compañía Os Quinquilláns da batalla de Altamira dará inicio ao programa artístico que se completará co concerto de Baiuca e que incluirá tamén proxeccións de luz e imaxes sobre o propio monumento. Os asistentes recibirán como agasallo o libro sobre a Batalla de Altamira. O fin de festa, que incluirá petiscos a cargo da organización, será por volta das 23 horas en que está previsto o regreso dos transportes até a carballeira de Santa Minia.

“Queremos que esta festa sexa o inicio da conmemoración anual dun acontecemento histórico e tamén a posta en valor dun monumento que forma parte do patrimonio da Deputación da Coruña e queremos que sexa vivido e sentido como propio por toda a veciñanza da comarca e tamén polas persoas que queiran achegarse e participar neste encontro que quere recuperar a nosa memoria histórica”, sinala o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas.

O deputado apunta que o equipo técnico encargado está a “avanzar nos traballos previos para a elaboración do Plan Director do monumento, investigando no propio territorio e deseñando propostas para o obxectivo que buscamos que é que as Torres de Altamira sexa un lugar de referencia patrimonial da Maía e da recuperación da historia galega”.

Para participar na conmemoración será necesario mercar a entrada anticipada que incluirá a asistencia ás actuacións, petiscos e bebida, transporte ida e volta e o libro sobre a Batalla de Altamira. A entrada pode conseguirse a través de orballocultural.gal

Conmemoración histórica

Foi precisamente o día 13 de xuño de 1471, hai agora 550 anos, en que aconteceu a grande batalla que tivo lugar ao pé das Torres de Altamira, un monumento considerado Ben de Interese Cultural e situado nun espazo privilexiado que o converte en magnífico miradoiro sobre o Val da Maía. Construído no século IX sobre o que foi un castro celta, as Torres de Altamira foron derrubadas no século XIV e construídas de novo en 1471.

Posibelmente un incendio no século XVIII contribuiría á deterioración do ben que a finais do século XIX foi utilizado como “canteira” para a construción.

A Deputación da Coruña mercou a propiedade en 1973 iniciando obras de limpeza e consolidación dos restos da fortaleza da que hoxe só fican en pé restos da muralla e da base dunha das torres ademais dalgunhas ventás con arcos da reconstrución de 1471.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial