O Ateneo de Santiago presenta o terceiro Festival de Música Antiga e Barroca

0

Compostela, 14 de setembro do 2021 – O Ateneo de Santiago vén de facer pública a programación da terceira edición do Festival de música antiga e barroca, o coñecido como Ateneo Barroco, que se celbrará do 4 ao 22 de outubro.

O Ateneo Barroco conta co patrocinio da Deputación da Coruña e a colaboración da Universidade de Santiago e o Concello de Santiago. O Festival reúne unha proposta de concertos e actividades complementarias didácticas e divulgativas  que inclúen conferencias, encontros e proxeccións entre outros eventos.

Na presentación do Ateneo Barroco participaron o Presidente da entidade organizadora Manuel López-Rivadulla e o Director artístico do Festival Víctor Carou, así como a responsable de Acción Cultural do Concello de Santiago Mercedes Rosón.

O Presidente do Ateneo comezou dicindo que o Ateneo vai a comezar as súas actividades con este Festival de música antiga e barroca na súa terceira edición, salientando que «nos animou moito a acollida de público que tivo o Ateneo Barroco nos dous anos anteriores, especialmente a segunda edición moi marcada polas restricións sanitarias».

Pola súa banda, Mercedes Rosón, en representación do Concello de Santiago, indicou que «o festival xa forma parte da cidade nestes primeiros momentos do outono e ten un peso importante na programación tanto musical como cultural. O valor que ten para a cidade, que é totalmente barroca tanto no patrimonio monumental como musical, radica en que relaciona ese grandísimo legado cultural barroco coa riqueza musical».

A programación desta terceira edición, presentada por José Víctor Carou, está centrada na voz humana (os cantos dos trobadores, a música sacra, a ópera, a canción, a música de cámara, …), incidindo nos territorios de influencia do barroco musical e estendendo o seu campo de acción á Idade Media e o Renacemento.

O especial protagonismo outorgado á voz quedará patente o venres 15 no Salón Teatro cun dos fitos do Ateneo Barroco 2021: a presenza da soprano checa Hana Blažíková, recoñecida especialista da música barroca, renacentista e medieval, quen, acompañada do cornettista Bruce Dickey, presenta Breathtaking: A viaxe pola Italia do Seicento dun cornetto e unha voz entrelazados, un programa no que se explora a íntima relación entre a voz e as características sonoras e técnicas do cornetto, ao tempo que se realiza unha interesante viaxe polos territorios italianos ao longo de todo o século XVII.

Esta presenza da música barroca italiana farase patente dende o primeiro concerto, que terá lugar o venres 8 no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia), onde o clavecinista napolitano Enrico Baiano reconstruirá o mítico duelo musical entre Scarlatti e Haendel no concerto O harmónico certame. O xenio que viaxa e emigra: Haendel e Domenico Scarlatti. Comezando coa gran Chacona de Haendel, o festival rematará con esta mesma forma musical o 22 de outubro no Teatro Principal, onde o grupo santiagués Resonet defenderá a súa orixe compostelá, na novidosa proposta Europa Galante: A Chacona no barroco, de Compostela para Europa, realizando unha peregrinación musical á inversa, coa colaboración do barítono inglés Andrew Robinson.

A voz, nesta ocasión dos trobadores medievais, estará tamén presente cun dos grandes nomes da lírica provenzal, Bernart de Ventadorn, quen deixou un riquísimo legado de cancións de amor, que nos presenta a cantante especialista en música medieval Paloma Gutiérrez del Arroyo, acompañada dun único instrumento de corda, a arpa do compostelán Manuel Vilas, no concerto O itinerario medieval do trobador: Bernart de Ventadorn, cantor medieval da alegría de amar, que terá lugar o 13 de outubro na Igrexa da Universidade.

«Estes catro concertos do festival terán, como cada ano, unha actividade complementaria importante e ilustrativa, achegando temáticas novas», tal e como indica Carou. Así, na conferencia inaugural, que terá lugar o luns 4 de outubro, o Doutor en Etnomusicoloxía Roberto Relova reflexionará acerca de mitos, música, iconografía e cine, presentando a voz como instrumento estilístico e de expresión en diferentes momentos da historia da música. «No ciclo “Cinema, doc, música” faremos un recordatorio dunha película que é transcendental para o cinema musical historicista como é Tous les matins du monde, que cumpre este ano 3 décadas dende a súa estrea», a cal se complementará co documental Jordi Savall, na busca do son perfecto. «Ademais, teremos os encontros cos artistas, que este ano aínda por mor da pandemia serán xusto antes do inicio de cada concerto», remata o director artístico.

Os abonos e entradas para os concertos sairán á venda a partir dos días 22 e 29 de setembro, respectivamente, a través das páxina do  Ateneo de Santiago.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial