O CDG estrea Terceiro Acto

0

Compostela, 14 de abril do 2021 – O CDG, Centro Dramático Galego, estrea esta semana Terceiro Acto, unha reflexión sobre a última etapa da vida.

Terceiro Acto está dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez. O CDG reuniu para este espectáculo un grupo de actores con unha recoñecida carreira profesional.

O Centro Dramático Galego, unidade teatral da Xunta de Galicia, estrea este xoves a súa nova produción Terceiro acto, dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez e que reúne un elenco de rostros moi coñecidos para o público. Belén Constenla, Roberto Leal, Fernando Morán, Mabel Rivera e Eduardo R.

A obra foi presentada esta nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, e o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, xunto coas directoras e o equipo de intérpretes.

Na súa intervención, Anxo M. Lorenzo destacou o esforzo que están a facer os profesionais das artes escénicas para seguir achegándolle á cidadanía os seus espectáculos dun xeito seguro nun contexto de especial dificultade. Neste sentido, resaltou o capacidade de adaptación do sector cultural ás circunstancias derivadas da covid-19, o que tamén vén demostrar o seu compromiso co público.

Ao igual que en O charco de Ulises, con esta produción o Centro Dramático Galego fai unha nova aposta pola codirección, neste caso da man de dúas mulleres. Avanza así tamén no compromiso adquirido este ano coa adhesión á iniciativa Tempadas de igualdade nas artes escénicas, promovida pola asociación para a igualdade de homes e mulleres na cultura Clásicas e Modernas.

O equipo artístico complétase ademais con maioría feminina. A escenografía corre a cargo de Marta Pazos, o vestiario de Yaiza Pinillos, a iluminación de Miguel Ruz Velasco, o espazo sonoro de Hugo Torres e a coreografía de Amaya Galeote. Pola súa banda, Laura Míguez asume a asistencia de dirección, Carmen Triñanes, a de escenografía e Xandre Vázquez, a de produción.

A conversa como base

Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez, integrantes da compañía Teatro En Vilo, son tamén as creadoras dos textos a partir de improvisacións co elenco. Deste xeito, a peza convértese nun lugar de encontro, coa conversa como base. Os actores e actrices intégranse nas personaxes, que son eles mesmos, para compartir co público a súa memoria, os seus soños e as súas emocións nunha viaxe apaixonante a través das historias dunha parte viva do teatro en Galicia.

Terceiro acto estará no Salón Teatro durante un mes, ata o 16 de maio, no que se ofrecerán máis de 30 funcións de mércores a domingo. As entradas están xa á venda en ataquilla.com e poden adquirirse tamén no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada función. O prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para diversos colectivos e os domingos, día do espectador.

Inclusión e apertura á cidadanía

No marco da nova estratexia de difusión establecida polo CDG para este ano, centrada en potenciar o achegamento do teatro á cidadanía, haberá dobres funcións os venres e sábados a partir do 23 de abril e ao remate da función dos domingos desenvolverase un encontro do elenco co público no que afondarán no proceso de creación da obra.

Cómpre sinalar tamén que, na súa aposta pola inclusión, o Salón Teatro acollerá funcións descontraídas todos os mércores, con condicións de luz e son adaptadas ás necesidades das persoas con diversidade funcional. Nesta mesma liña, o 16 de maio terá lugar unha función inclusiva, na que haberá intérprete en lingua de signos, audiodescricións e programas de lectura fácil.

Ademais, e como novidade, o CDG está a organizar con diversos concellos desprazamentos da veciñanza a Santiago de Compostela para asistir ás funcións de Terceiro acto. O obxectivo é contribuír a que o  maior número de poboación teña a oportunidade de ver un espectáculo da compañía pública na súa sede escénica. Gondomar, Redondela, Sada, Santiso, Teo, Toques ou Piñor son algúns dos municipios que xa se sumaron á iniciativa. A maiores, o CDG está a traballar nunha xira, prevista para o mes de xullo, no marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia.

Reapertura ao público

A nova produción supón a reapertura do Salón Teatro ao público para ver unha representación teatral, despois de que en xaneiro se suspendese a programación por mor das restricións derivadas da covid-19. Nestes meses, o CDG continuou co seu labor de dinamización escénica con outras iniciativas, como os programas Residencias cruzadas e Residencias artísticas no Gaiás, as visitas en liña ao Salón Teatro para escolares, ou a publicación da nova bolsa de dramaturxia e creación.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial