Bisbarra, 27 de novembro do 2020 – Melloras nos centros de saúde de Ordes e Oroso con máis tempo de apertura e novos facultativos.
Ordes contará no centro de saúde, a partir de xaneiro, con 2 novos médicos, unha enfermeira, un persoal de servizos xerais e un fisioterapeuta. Estas incorporacións darán atención sanitaria ordinaria en horario de tarde durante os días laborais.
O novo tramo de servizos súmase á asistencia urxente que presta o Punto de Atención Continuada tardes e noites, ademais dos festivos.
O centro xa incorporara en este 2020 unha traballadora social a principios de ano ademais de realizar obras de mellora na infraestrutura e a adquisición de nova tecnoloxía sanitaria como un desfibrilador, espirómetro, electrocardiógrafo, ou dermatoscopio.
O Centro de Saúde de Ordes conta cunha plantilla de máis de 30 traballadores. No ano 2019 realizáronse máis de 145.000 consultas e atende a unha poboación con máis de 13.000 tarxetas sanitarias.
Un médico máis para Oroso
O Centro de Saúde de Oroso incorpora un facultativo máis desde o próximo martes según indican desde o concello. O equipo de goberno de Oroso levaba varios meses pedindo á Consellería de Sanidade este reforzo “fundamental para mellorar o servizo, tendo en conta a presión asistencial e o numero de veciños e veciñas”.
O concello amosa a súa satisfacción, pero seguirá demandando outros reforzos moi necesarios, como un servizo de matrona e un traballador social. Desde o consistorio engaden que, despois da pandemia, insistirán ante a Xunta na súa demanda de que o centro de saúde poida abrir tamén polas tardes, como ven de anunciarse para Ordes.