O Consorcio remata as obras da capela de Santas Mariñas do Sar

0

Compostela, 28 de outubro do 2020 – O Consorcio de Santiago vén de rematar as obras de mantemento na capela de Santas Mariñas do Sar, por un importe global de 52.959,28 euros.

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio Pablo Tomé. Explica que a actuación encamiñouse á realización das tarefas de reconstrución do tellado, renovación da pintura das fachadas e renovación da drenaxe exterior dos muros.

O arquitecto indica que “a capela mantíñase, en xeral, en bo estado, agás a parte caída do tellado na cornixa da fachada norte. Ademais, o inmoble presentaba pequenas alteracións na súa envolvente”.

O Consorcio remata as obras da capela de Santas Mariñas do SarO contorno do óculo que hai na parte central da fachada amosaba unha importante mancha de humidade producida pola mala evacuación da auga da espadana e da ventá oval. As partes baixas dos muros das fachadas tiñan tamén manchas de humidade, como consecuencia do mal estado da drenaxe e do salpiqueo da auga da chuvia. As fachadas necesitaban renovar a pintura e o muro de contención á rúa ten un revestimento de madeira que precisaba dunha limpeza e restauración.

Intervencións

O arquitecto do Consorcio sinala que, entre as intervencións realizadas, levouse a cabo a limpeza e restauración das partes de pedra das catro fachadas e da espadana, xunto á renovación da pintura. Tamén se pintaron as carpinterías exteriores de madeira e o interior da capela.

Revisouse o tellado, percorrendo a cuberta e reparando, ao mesmo tempo, as partes en mal estado. Colocouse unha gárgola para favorecer a evacuación da auga da chuvia no encontro entre a fachada sur e a sancristía. Así mesmo, impermeabilizáronse tanto a base da espadana como a parte inferior do óculo da fachada principal.

Por outro lado, renovouse a drenaxe, que estaba tupida. Ademais, modificouse a altura do pasamáns de subida na escaleira de acceso dende a rúa. Restaurouse o revestimento de madeira do muro á rúa e limpouse o muro da fonte, ao tempo que se levou a cabo o acondicionamento xeral do terreo da parcela e se plantou un olivo. Por último, construíronse casetas para aves e morcegos no tellado, co fin de que poidan aniñar, tal como ten feito o Consorcio de Santiago noutras intervencións.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial