O Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo impulsa o ‘Caderno de Gres’

0

Bisbarra, 18 de xuño do 2021 – A Xunta de Galicia por medio do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo promove o libro ‘Caderno de Gres’.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na presentación de ‘Caderno de Gres’. A obra se concibe como unha homenaxe conxunta a Xosé Neira Vilas e Isaac Díaz Pardo.

O volume está promovido pola  Fundación Xosé Neira Vilas. No acto Valentín García destacou que “non se pode entender en plenitude a figura de Neira Vilas sen ter en conta a da persoa coa que máis afinidades sentía, Isaac Díaz Pardo”.

As traxectorias de estes autores, as preferencias éticas e estéticas de ambos os dous, cruzáronse durante moitos anos tanto en Galicia como en América”. Neste sentido, Valentín García indicou que formaron parte dun mesmo tempo, dunha xeración que buscou a creación e avance dun sistema cultural baseado nas raíces culturais e lingüísticas para proxectalo cara “unha Galicia moderna na que a cultura se considera un instrumento ao servizo do pobo”, concluíu.

Esta é unha das iniciativas da primeira convocatoria do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021-2022, o repositorio de contidos creativos de interese cultural en galego que se puxo en marcha ao abeiro do Plan de Reactivación do sector cultural ao inicio da pandemia e que xa vai pola súa segunda edición. O éxito desta medida reflíctese no importante interese que espertou no sector desde o seu inicio no que se levan destinado, entre as dúas edicións, máis de 5 M€ para apoiar os proxectos de empresas, cooperativas, entidades sen fin de lucro e profesionais autónomos.

Canda o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, estiveron tamén presentes Lois Alcayde, escritor e xornalista; Xosé Díaz Arias, deseñador e fillo de Díaz Pardo, e Fernando Redondo Neira, presidente da Fundación Xosé Neira Vilas.

Referentes da cultura galega

Caderno de Gres sae á luz cando se cumpren 100 anos do nacemento de Díaz Pardo e 60 da publicación en Arxentina de Memorias dun neno labrego, a obra senlleira de Neira Vilas. O volume, de 75 páxinas, atende a unha idea fundamental: manter viva e actualizada a figura e a obra do autor de Gres, nomeadamente entre o público lector novo.

Dividido en tres bloques ben diferenciados, o primeiro, 100 anos de Isaac Díaz Pardo, é unha clara homenaxe polo seu aniversario ao artista e principal editor de Neira Vilas, quen, ademais, dera a coñecer en Galicia a súa obra máis recoñecida, Memorias dun neno labrego. Inclúense aquí as Palabras para Isaac que Neira Vilas recitou no funeral do seu amigo e un artigo asinado por Xosé Díaz que recolle a relación profesional e de amizade que uniu a estes dous referentes da nosa cultura e da que xa se deixou pegada no volume Crónica dunha fecunda amizade.

O segundo bloque, Encontros literarios en Gres, recolle a transcrición dos parladoiros no que dúas escritoras, Rosa Aneiros e Antía Yáñez, e un escritor, Lois Alcayde, indagan na influencia do autor cruceño sobre a obra literaria dos escritores de hoxe en día. O último bloque, Dietario derradeiro, é un relatorio, ata o de agora inédito, de encontros con amigos e persoeiros da cultura, actos públicos, traballos e viaxes que percorre os días de Neira Vilas entre os anos 2009 e o 2011 e que supón a continuación dos volumes xa editados Vinte anos retornando e Penúltimo dietario.

Ademais, Caderno de Gres inclúe un total de sete fotografías en branco e negro e unha cuberta deseñada polo ilustrador Xosé Vizoso, membro do Padroado da Fundación Xosé Neira Vilas e quen fora estreito colaborador de Isaac Díaz Pardo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial