O mercado de Bertamiráns instalarase na contorna da Casa do Concello de Ames

0

Ames, 30 de outubro do 2020 – Os votos emitidos polos vendedores ambulantes de Ames decidiron que o emprazamento do mercado de rúa de Bertamiráns será na contorna do concello.

As  rúas Entrerríos e Ameneiral, ampliadas á praza do Concello, foi a opción máis votada co 77% dos votos emitidos. A previsión que ten a Concellaría de Promoción Económica é que o mercado se realice no novo emprazamento dende o vindeiro sábado, 7 de novembro, sempre que se cumpran as normas hixiénico sanitarias actuais marcadas pola autoridade competente.

3 combinacións de mercado

Os vendedores do mercado de rúa do sábado pola tarde optaron entre 3 combinacións distintas para os seus postos. A primeira realizar o mercado coa modalidade do 50% dos postos un sábado e o outro 50% o sábado seguinte e así sucesivamente, nas rúas Ameneiral e Entrerríos. A segunda opción foi a ampliación da zona do mercado de venda ambulante á praza do Concello, rúa Entrerríos e rúa Ameneiral, e poñer a totalidade dos postos. A terceira e última opción contemplaba repartir ao 50% os postos en quendas de mañá e tarde, nas rúas Ameneiral e Entrerríos. Unha vez rematado o prazo de votación a segunda opción foi a gañadora.

A primeira posibilidade recibiu un 18,20% dos votos, mentres que o 4,50% dos votos emitidos non se puideron ter en conta ao ser emitidos por ningunha das canles establecidas (Sede electrónica ou depositar o documento de votación nunha urna habilitada na Casa do Concello).

Mercado na rúa do Sar

Dende o mes de xuño e por mor das medidas de prevención para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, o mercado de rúa de Bertamiráns situouse temporalmente na rúa de Sar, un emprazamento con dous carrís, sen construcións aos lados, que permitiu o desenvolvemento correcto da actividade tal e como obrigan as normas sanitarias e dita o regulamento da Xunta de Galicia do 12 de xuño de 2020, sobre medidas de prevención necesarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada polo Covid-19, unha vez superada a fase III do Plan para a transición cara a unha nova normalidade.

A decisión deste cambio respondía á necesidade de cumprimento dunha serie de normas hixiénico sanitarias derivadas da loita contra a pandemia e tomouse de xeito consensuado coas asociacións de comerciantes e de ambulantes máis representativas e co obxectivo de que puidesen estar no mercado o cen por cen dos postos.

Coa chegada do inverno o comercio ambulante precisa, para o desenvolvemento óptimo da súa actividade, localizacións que o protexan das inclemencias do tempo e a rúa do Sar no cumpre os requisitos de gorecer o mercado do vento e a chuvia que caracterizan esta estación.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial