O Outono Códax Festival presenta a edición 9½

0

Compostela, 20 de novembro do 2020 – O Outono Códax Festival ven de presentar unha edición de transición cara a un décimo aniversario que ten que agardar a mellores tempos.

O Outono Códax tiña case pechada a súa décima edición, unha proposta que se anticipaba única pola calidade dos artistas xa contactados e, en algún caso, pechados. Cando chegou a Pandemia todo virou e o festival de música negra de Galicia tivo que reinventarse.

O Outono Códax Festival presenta a edición 9½Tras valorar a suspensión Raiña Producións decidiu organizar unha edición de transición de cara a ese décimo aniversario agardado por todos. Cun obrigado cambio de sede, polo peche da Capitol, o Outono Códax terá cinco cintas no Auditorio de Galicia, o Teatro Principal e o NH Collection. Os concertos emitiranse en diferido e baixo demanda, o que supón a primeira versión dual do Outono Códax Festival.

Programación

Grupos galegos e nacionais e a máxima seguridade serán os protagonistas de este Outono Codax 9 ½. Do rhythm & blues e o soul ao rock’n roll clásico poderase escoitar un ano máis en Compostela o 28 de novembro e o 5, 11 e 18 de decembro co patrocinio de Bodegas Martín Códax e en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, NH Collection, Gadis e o Mercado da Estrela.

O 28 de novembro será a quenda de Josele Santiago (Madrid) + The Limboos (Galicia).  Será un dos pratos fortes desta edición, unha actuación sorpresa da que non se desvela o repertorio pero que inclúe os seus temas favoritos dos 50’s e 60’s. Programado no Auditorio de Galicia, este é, sen dúbida, un dos eventos imprescindibles do Outono 2020.

Josele chega en plena xira do seu novo disco con Los Enemigos, Bestieza, e xa van dez. O seu poderoso single “Siete mil canciones”, o último número 1 antes do encerro, está camiño de converterse nunha desas cancións especiais que quedan.

Pola súa banda, The Limboos continúan coa súa imparable carreira musical e volven a Compostela para ofrecernos esta actuación especial. A música inconfundible desta banda de orixe galega pero afincada en Madrid, que leva xa tres discos en cinco anos, é herdeira da mellor tradición musical dos anos 50. Baía é o seu último traballo, e chega despois do marabilloso Limbootica!

O 5 de decembro tócalle a un concerto moi especial con Tito Ramírez (Madrid). Será no hotel NH Collection co “misterioso” Tito Ramírez, alcumado o Sixto Rodríguez español. No seu día creuse que o seu primeiro single pertencía a un artista dos anos 60 que nunca o publicara, ata que o home enmascarado subiu ao escenario para presentalo.

Tito Ramírez traerá o seu primeiro LP ao Outono Códax. Editado por El Volcán, con licenza de Discos Antifaz, en The Kink of Mambo o autor ofrécenos unha exquisita confluencia de R&B, boogaloo, cha-cha e por suposto mambo desde unha perspectiva moi persoal que perverte patróns rítmicos e canons.

Composto por 12 cancións, o disco inclúe os seus tres éxitos ata o momento: “Lonely Man”, “Last Train” e “Mambo nº666”, ademais de novos clásicos e unha revisión cha-cha-chá de “Amanecer sin ti” de Palito Ortega.

O 11 de decembro o escenario do Outono Códax acollerá a Sabela King And The Heartbreakers (Galicia) e  a Ukestra Do Medio (Galicia) no Teatro Principal. A primeira regresa a este festival, agora co seu primeiro disco homónimo baixo o brazo. Nel, Sabela King & The Heartbreakers apostaron por combinar composicións propias con versións moi persoais de cancións de Sam Cooke, Johnny Cash e Emily Loizeau. O seu será un espectáculo en directo marcado pola moderación e a sutileza. A poderosa voz de Sabela encaixa á perfección coas atmosferas creadas polos Heartbreakers, resultando nun espectáculo cheo de texturas e matices. Xuntos trazan unha viaxe sonora e estilística na que se percibe un profundo respecto polas linguaxes da música popular, sen deixar de lado as súas influencias máis modernas.

 A orquestra de ukeleles de Santiago de Compostela, Ukestra do Medio, trae a esta edición o seu primeiro longo, Outras Lérias, gravado no laboratorio Soyuz con Xurxo Pinheiro e Hevi. Despois de sete anos de experiencia e diferentes cambios na formación, nesta ocasión tamén interpretarán os seus propios temas, cantados en galego e con influencias que van dende o pop máis íntimo ao surf, o power-pop ou o country, feitos con ukeleles, baixo e caixa. Tamén tocarán música adaptada dos seus artistas favoritos, como The Housemartins, Suso Vaamonde, Roger Miller ou Roberto Carlos dos anos 60.

Un repertorio verdadeiramente ecléctico o deste grupo composto por Sara Piñeiro, Kátia Mera, Alfonso Collazo, César Parcero, Alberte L.C. e Yolanda Porto, que fará as delicias do público cos máis diversos estilos como o rock, o country, o swing, o pop, os tangos, a bossa nova, a música tradicional galega e portuguesa e mesmo o jarocho mexicano. Ademais do ukelele, soarán outros instrumentos derivados que tamén usan, como o banjolele, o flamenco ou a caixa peruana, as maracas e, en ocasións, o baixo e a harmónica.

O 18 de decembro será a última cita con  The Sey Sisters no Mercado da Estrela. Centro Don Bosco. As reivindicativas irmás de orixe ghanesa nacidas en Cataluña ofrecerán ritmos que van do gospel á música africana, pasando polo soul. As súas cancións están impregnadas de emoción e inspiradas na loita contra as inxustizas, a defensa dos dereitos humanos e a esperanza de futuro.

O ano pasado presentaron o seu segundo disco, Rise, co que agora aterran en Compostela; un álbum que é unha defensa do grupo de mulleres afrodescendentes, ao que pertencen, e que xorde da necesidade de expresarse no que son: mulleres, fillas de migrantes que, a pesar de nacer e criarse en Cataluña, loitan cada día por conseguir que a cor da túa pel non determina o seu camiño; un himno á revolución persoal e á aceptación colectiva, un chamamento á visibilidade e a diversidade que porá fin a esta edición limitada nas instalacións do Centro Don Bosco, dentro do marco da IX edición do Mercado da Estrela co que o festival Outono Códax inicia unha colaboración que pretende ampliar no futuro coa realización doutras actividades conxuntas.

En Paralelo

Como vén sendo habitual, o festival completará a súa proposta musical con distintas actividades paralelas que inclúen catas, djs e gastronomía que se celebrarán en distintos locais da cidade.

Esta nova edición inclúe na súa programación unha homenaxe a Andrés do Barro cando se fan 50 anos do lanzamento do seu primeiro disco, Me llamo Andrés do Barro Lapique. Catro veces número un de vendas cantando en galego, os logros do mítico cantautor ferrolán nunca foron superados. A súa enorme carreira musical será recordada na presentación do libro: Andrés do Barro. Saudade, que contará coa presenza do seu autor, Fernando F. Rego, e da gravación inédita, Su disco perdido, un cuarto LP que quedou sen publicar no seu día e que agora vén de editar Rama Lama Music. No acto tamén estarán o director do selo discográfico e a filla do autor de “O tren” ou “Corpiño xeitoso”, Andrea Lapique.

Entradas e emisión en liña (edición dual)

O festival reafirma unha vez máis o seu compromiso coa cultura e con facilitar aos fans do xénero o acceso ás actuacións en vivo de artistas de renome. Por este motivo, e debido ás restricións actuais, este ano as entradas para cada concerto venderanse por separado, eliminando os abonos.

Ademais, nesta edición os concertos estarán dispoñibles en liña 24 horas despois da actuación e por un tempo limitado, para a súa visualización previa inscrición. O contido de cada un deles será compartido e difundido a través das redes sociais do festival.

O Outono Códax 2020 facilitará a adquisición de ata dúas entradas por persoa. As do concerto de Josele e The Limboos véndense a 25 € e as de Tito Ramírez e The Sey Sisters a 20 €. O acceso ao concerto de Sabela King & the Heartbreakers e Ukestra do medio no Teatro Principal será gratuíto por orde de reserva de entradas. Os eventos do formato de proximidade “Batallas aos pratos” serán de acceso gratuíto ata esgotar o aforo e as degustacións con maridaxe Outono dos “Venres en branco” serán por sorteo logo da inscrición entre as persoas con entrada para os concertos.

Responsables de Raiña Producións e Bodegas Martín Códax (imaxe de arquivo)

O público interesado en adquirir entradas e solicitar información sobre as mesmas pode facelo na tenda física Reixa-Matrioska en Santiago de Compostela (Tel.: 981 57 51 38). As entradas para o concerto de Sabela King & The Heartbreakers e Ukestra do Medio, poderán reservarse na web de Compostela Cultura a partir do 7 de decembro ás 10h.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial