O persoal seguirá sendo o problema do parque comarcal de bombeiros

0

Bisbarra, 7 de decembro do 2021 – O parque comarcal de bombeiros seguirá dependendo da plantilla de Compostela si os actuais traballadores o aceptan.

O pasado venres tiña lugar unha nova reunión na que participaban os alcaldes dos concellos afectados, o de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o de Ames que, ademais de como alcalde, representaba ao Consorcio Provincial Contra incendios no que se integran Xunta e Deputación.

Da xuntanza saíu un acordo, co que foi moi crítico o alcalde de Teo, Rafa Sisto, que implica que a plantilla de Santiago será a que cubra o servizo. Tamén se confirmou que o fará desde a estrutura de Salgueiriños, en Santiago, na actualidade abandonada e que terá que se rematada antes de ser usada.

Un longo camiño para un avance moi pequeno

Desde hai anos o problema do parque comarcal é o persoal que o atenderá. O de Santiago, que o viña facendo, opúxose en moitas ocasións pola carga de traballo que supoñía e polo risco que implicaba deixar a Compostela sen servizo para atender unha urxencia na comarca.

O pasado mes de xuño a polémica xurdía novamente por un incendio en Sigüeiro no que morría unha persoa. Un mes antes o bombeiros de Santiago tiveran que acudir ao incendio da conserveira Jealsa en Boiro. A demanda dun parque comarcal está enriba da mesa desde hai anos pero en febreiro de este ano os alcalde implicados pedían unha reunión cos representantes do Consorcio, tanto da Xunta como da Deputación. Antes, en xaneiro do 2018, asinárase un proposta de comarcalización na que se reclama o mesmo trato que outras áreas de Galicia que xa contaban con parque comarcal.

Persoal e tasa de reposición

Xa no 2018 todos coincidían en que a solución máis rápida era que o parque de Santiago asumira o servizo. O problema era, e segue sendo, que a chamada Lei Montoro impide incorporar máis efectivos pola chamada tasa de reposición.

En xaneiro pasado o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, desvelaba que no Ministerio traballaban nunha alternativa. Daba a noticia tras unha reunión co Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que tamén se mostraba favorable.

A solución pasaba por computar a tasa de reposición sumando todos os concellos e non unicamente a de Compostela. Isto permitiría ampliar a plantilla o que fose necesario. Desde esa data non se soubo nada máis e, polo que parece tras a reunión de este venres pasado, queda descartada.

Horas extras

A proposta presentada deseña un parque con tres grupos de traballos de catro bombeiros. Un atendería Santiago, outro a comarca e outro serviría de apoio aos anteriores. A Deputación contempla unha partida de máis de medio millón de euros e espérase que a Xunta habilite unha similar.

Todo pasa por un acordo coa plantilla de bombeiros do parque de Compostela que chegará proximamente aos 57 efectivos. Bugallo adiantou que as conversas estaban moi avanzadas e que os bombeiros estaban “ilusionados”.

Os alcaldes estiveron de acordo salvo rafa Sisto de Teo que explicou a súa oposición dicindo que “teremos parque pero non teremos bombeiros.”

Sisto ampliaba esta explicación posteriormente nas redes sociais e deixaba claro que a solución pode supoñer unha presunta ilegalidade. Según o alcalde de Teo “Neste momento Santiago conta con 57 bombeiros, sen posibilidade legal de ampliar a plantilla: 16 bombeiros menos dos necesarios. E quérennos facer crer que eses 16 bombeiros que faltan vanse cubrir con horas extras”.

Rafa Sisto engade que esa solución, ademais da presunta ilegalidade, pode ser un risco “As horas extras a facer serían 25.131 ao ano que, repartidas entre os 57 (contando que ningún enferme) serían 440 horas extras por traballador ao ano. Ademais dunha tolería unha absoluta ilegalidade”

Sisto lembra ademais que existía un acordo entre todos os alcalde para ampliar a plantilla do parque de Santiago si esa era a solución ou de non ser posible facer unha instalación nova que si permitiría a contratación de persoal. O concello de Ames chegara a ceder un terreo á Xunta de Galicia no ano 2009 e no 2018 pedía a reversión ao non ser usado.    

rafa Sisto remata a súa declaración pública criticando a solución de xeito moi duro “énchesenos a boca continuamente dicindo que o prioritario é o emprego e agora renunciamos a crealo: suplimos 12 ou 16 novas prazas coas horas extras duns traballadores que acabarán esfolados, e que desenvolverán o seu traballo cansos, nunhas condicións de mermada seguridade”.

 

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial