Compostela, 22 de abril do 2019 – Nova conferencia dos Luns do Ateneo na que a ópera será a protagonista coa conferencia de Carlos Enrique Pérez, Catedrático de repertorio vocal do Conservatorio Superior de Música de Vigo.
Esta charla sobre ópera forma parte do convenio de colaboración que desde o 2014 o Ateneo de Santiago ten firmado coa Asociación de Amigos da Ópera de Compostela. A partir das 20 horas na Rúa do Vilar, 19 de Santiago de Compostela, o pianista Carlos Enrique Pérez, falará das “Compañías itinerantes e grandes da lírica, 150 anos de ópera en Galicia”, na que fará un repaso á traxectoria deste xénero musical en Galicia e os seus intérpretes ao longo dos últimos 150 anos.
Pérez iniciou a carreira de Piano co profesor Enrique Goberna e, paralelamente, desenvolveu e perfeccionou a súa técnica con mestres como Peter Bithell, Alexander Gold, Luiz de Moura, Mª Jesús Crespo ou Josep Colom; M. Cabero ou M. Zanetti (acompañamento vocal); e Emilio Molina, Jos Wuytack ou José Luis Temes (pedagoxía musical). En 1992 graduouse como profesor Superior de Piano e de música de cámara, labor que desempeñou en diversos centros oficiais. Ademais de recitais como solista, está especializado no acompañamento instrumental e vocal, tendo intervido xunto a cantantes líricos, corais, formacións camerísticas, etc., e colabora regularmente como pianista correpetidor en diferentes cursos de interpretación vocal e festivais de ópera. Formando dúo de pianos foi galardoado co Diploma de Honra do T.I.M. e obtivo a Segunda Medalla do Concours Musical de France (París, 1996).
1 comentario
Pingback: O pianista Carlos Enrique Pérez fala da ópera en Galicia nos Luns do Ateneo – Ateneo de Santiago