O Pino aproba un orzamento de catro millóns de euros

0

O Pino, 7 de decembro do 2021 – O concello do Pino aprobou uns orzamentos de catro millóns de euros para o vindeiro 2022.

O Pleno da Corporación do Pino aprobou ademais un plan de obras de tres millóns de euros financiado con fondos propios. Uns proxectos que inclúen a construción de doce quilómetros de sendas peonís.

Tamén se aprobou o segundo plan de igualdade entre mulleres e homes e a elaboración do terceiro plan 2021-2025. Ademais, déuselle o visto bo a bonificar a contribución a outras dez explotacións gandeiras ou agrícolas (cinco ao 95% e cinco ao 50%).

Os presupostos para o ano 2022 destinan 700.000 a investimentos reais e 2,2 millóns a gastos en bens correntes e para pagar os servizos como a recollida de lixo ou o alumeado público.

O Pino mantén a cero a débeda cos bancos, polo que tan só ten destinados 200 euros a gastos financeiros e reserva 227.000 euros para transferencias correntes, nas que se recollen as partidas para subvencións ou diferentes achegas. O alcalde, Manuel Taboada, destacou que nestes presupostos xa figuraban catro subvencións nominativas, para a Banda de Música de Arca (12.000 euros), a ANPA (7.000 euros), o CPI Camiño de Santiago (3.000 €) e a SD O Pino (10.000 euros)

En investimentos reais, figura unha partida de 698.000 euros. Á construción e mellora de estradas destinaranse preto de 200.000 euros, dos que 118.596 se corresponden con obras recollidas no POS+ 2022. Tamén se contemplan 300.000 euros para intervencións en terreos, parques e xardíns e outros 37.000 euros para a compra dun tractor. Así mesmo, 70.000 euros dedicaranse a manter os alumeados e resérvanse 100.000 como aportación municipal para a construción do centro de día que se vai construír en Arca e que terá un custo de arredor dun millón de euros.

No que se refire ao apartado de ingresos, o Concello do Pino prevé recadar 1,6 millóns en impostos directos e outros 434.000 en taxas. As transferencias procedentes doutras administracións (Estado e Xunta) ascenden a 1,8 millóns de euros, e as transferencias de capital suman 142.000 euros para a execución de obras.

Os orzamentos, que contan con informes favorables de Secretaría e Intervención, foron aprobados cos votos a favor do equipo de goberno popular (6) e en contra do PSdeG (1) e do BNG (2).

Plan de obras con 3 millóns de fondos propios

Outro dos puntos importantes do pleno foi a aprobación dun ambicioso plan de obras financiado con 3 millóns de fondos propios do Concello, que se corresponden co remanente positivo de tesourería de anos precedentes.

Este plan contempla a construción de 12 novos quilómetros de sendas peonís, que permitirá estender este tipo de infraestruturas á totalidade das trece parroquias do municipio “co obxectivo de mellorar a seguridade viaria da veciñanza”. As obras executaranse durante o vindeiro 2022 e inclúen tamén a mellora de pistas, camiños e vías interiores de diferentes aldeas do municipio.

O plan foi aprobado cos 8 votos a favor de PP e BNG e 1 voto en contra do PSdeG xa que as dúas concelleiras socialistas non puideron asistir hoxe ao pleno por motivos laborais.

A execución do plan conta co informe favorable da Secretaría-Intervención municipal, xa que a lexislación vixente permite que os concellos poidan destinar o remanente positivo de tesourería a execución e mellora de infraestruturas.

O remanente ascende a 3,21 millóns de euros. Para sufragar estas obras,  aprobouse un suplemento de crédito sobre estes cartos por un total de 3,03 millóns. Deste xeito, e logo de acometer o plan, ao Concello quedaranlle aínda 200.000 euros de saldo positivo.

Plan de igualdade e bonificacións do IBI

Na sesión desta mañá tamén se aprobou a avaliación do segundo plan de igualdade entre mulleres e homes e decidiuse comezar a elaboración do terceiro plan 2021-2025.

O primeiro punto da sesión foi a declaración de especial interese ou utilidade municipal de dez explotacións gandeiras e agrícolas dedicadas ao sector primario no municipio, o que lle vai permitir aos seus propietarios obter unha bonificación no recibo da contribución (IBI) do 95% en cinco casos e do 50% noutros cinco.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial