O Pino licitará a recollida de lixo para os próximos dous anos

0

O Pino, 30 de xullo do 2021 –  O concello do Pino Licitará a recollida de lixo por dous anos e un custo máximo de 195.000 euros.

O concello terá a posibilidade de exercer tres prorrogas dun ano cada unha delas. As condicións para a licitación do servizo de lixo foron aprobadas nun pleno extraordinario cos votos a favor do PP e a abstención de PSdeG e BNG.

Na sesión tamén se aprobou a relación de postos de traballo para o persoal municipal, co mesmo sentido do voto nos tres grupos municipais. Por outra banda  aprobáronse por unanimidade os once expedientes para bonificarlles a contribución ás 11 explotacións gandeiras que presentaron toda a documentación.

O custo da recollida de residuos urbanos e limpeza viaria no Pino incrementarase no novo contrato. A empresa adxudicataria terá que poñer o camión compactador para prestar o servizo, cunha capacidade de dez metros cúbicos, segundo explicou o alcalde. “Isto vai redundar nunha mellora do servizo, xa que se se avaría, será a empresa a que teña que poñer un novo camión ao día seguinte, e evitaremos que se utilice como escusa por parte da adxudicataria, como ocorre actualmente”.

O prezo dun camión para recollida de lixo das características do solicitado nas cláusulas do concurso estímase en 120.000 euros, o que supón un incremente no custo total do servizo en 30.000 euros anuais. “Levamos anos solicitándolle a Deputación un camión para a recollida de lixo. Ao non conseguilo pensamos que o mellor é que o poña a empresa”, dixo Taboada.

Dende o PSdeG, Óscar Vilar coincidiu en que parte da deficiencias do servizo actual atribuíanselle as constantes avarías do camión municipal, xa moi vello. Non obstante, botou en falta que non se pedira un camión novo ou seminovo á empresa adxudicataria. O alcalde considera que non é necesario, “porque se se avaría, a empresa terá que poñer outro camión para o día seguinte”.

Na votación, socialistas e nacionalistas optaron por absterse, e o equipo de goberno votou a favor, polo que o proceso de licitación “empezará nas vindeiras semanas”.

O mesmo resultado deuse na votación para aprobar a RPT, a relación de postos de traballo do Concello de O Pino, despois de que se celebraran xa as mesas de negociación cos sindicatos e cos traballadores. O cadro de persoal do Concello ascende a un máximo de 14 persoas. O peche da liquidación do orzamento de 2020 foi aprobado cos votos a favor do equipo de goberno e a abstención da oposición.

Si houbo unanimidade para aprobar os once expedientes que van permitir a redución do recibo da contribución a outras tantas explotacións gandeiras do municipio que presentaron toda a documentación. En dous dos casos, a rebaixa será do 95% e nos nove restantes do 50%, porque no mesmo predio hai construcións non dedicadas a gandeiría (como casas, etc.). Estas bonificacións aplicaranse aos recibos do IBI do vindeiro ano 2022.

As solicitudes presentadas ata o de agora, ou as que se presenten a partir de hoxe, e teñan completada toda a documentación necesaria analizaranse no pleno do mes de setembro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial