O Pino retira os fondos do Banco Sabadell

0

O Pino, 30 de setembro do 2021 – Despois de que A Baña pechara as súas contas en Abanca, agora o concello do Pino fai o mesmo co Banco Sabadell como resposta ao pecha da oficina de Arca.

O concello decidiu ademais ofrecer un local ás entidades financeiras que se comprometan a dar atención presencial á veciñanza. O pleno municipal aprobou ademais unha moción institucional reclamando servizos financeiros no rural.

Imaxe de arquivo

O pleno ordinario de setembro serviu para que todos os grupos mostraran o seu rexeitamento do peche da oficina do Banco Sabadell. Na declaración aprobada por unanimidade solicítase aos gobernos central e autonómicos que se coordinen coas administracións locais para por en marcha un plan contra a exclusión financeira da cidadanía, con especial atención á xente maior.

Na mesma declaración, o Concello de O Pino comprométese a ceder espazos municipais a aquelas entidades financeiras que se comprometan á atender de xeito presencial á veciñanza. Neste punto o Concello pedirá que a entidade conte polo menos con caixeiros no municipio (para os que non se cederán locais) e se comprometan a colaborar en programas de formación financeira e de banca electrónica á veciñanza.

Apoio á natalidade

Na sesión aprobáronse as ordenanzas de apoio á natalidade e de tenza de animais perigosos, así como a rebaixa do IBI as explotacións agrícolas que o solicitaron; a ampliación do contrato do SAF e á prórroga do mesmo durante un ano.

A proposta do equipo de goberno popular para conceder 750 euros de axuda por nacemento ou adopción a partir do mes de xaneiro foi aprobada por unanimidade. Na proposta que presentou o alcalde Manuel Taboada contémplanse axudas de 1.000 euros cando se trate do segundo ou sucesivos nacementos ou adopcións, e de ata 1.500 euros en casos de discapacidade ou partos múltiples.

Para ter acceso a estas axudas, polo menos un dos proxenitores ou adoptantes deberá levar empadroado no Pino máis de nove meses, e ten que comprometerse a seguir empadroado, xunto co menos, un mínimo de cinco anos despois do nacemento ou adopción. Estas axudas entrarán en vigor o 1 de xaneiro do vindeiro ano.

Tamén a partir de xaneiro se aplicará a rebaixa da contribución (IBI) a outros dez propietarios de explotacións gandeiras, agrarias ou forestais. En cinco destes casos a rebaixa será do 95% do recibo, por tratarse de construcións dedicadas integramente a esas actividades. Noutros cinco casos, a rebaixa será do 50%, debido a que na parcela hai construcións dedicadas a outros usos (como vivenda).

Esta rebaixa da contribución está aberta a todos os propietarios que o soliciten e cumpran os requisitos establecidos no artigo 73 do texto refundido da Lei reguladora de Facendas Locais. Aos dez expedientes aprobados hoxe hai que engadir outros once que foron aprobados no mes de xullo.

A Corporación tamén aprobou a nova ordenanza reguladora da tenza de animais potencialmente perigosos, aos que se refire o artigo 6 da Lei 4/2017, de 3 de outubro, de protección e benestar dos animais de compañía de Galicia. Para ter un animal potencialmente perigoso no municipio do Pino, a ordenanza recolle, entre outros aspectos, que o dono deberá solicitar e obter licenza municipal antes de comprar ou facerse con ese animal.

Ampliación e prórroga do SAF

Tras o informe emitido pola traballadora social, a Corporación aprobou cos votos de PP e BNG e a abstención do PSdeG a prórroga do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) á empresa Espertar Servizos Sociais. Esta foi a adxudicataria do concurso convocado en 2020 polo Concello, que incluía un contrato dun ano con posibilidade de amplialo un ano máis. A traballadora social considera que o traballo se está a desenvolver satisfactoriamente, polo que o Pleno ratificou a resolución da alcaldía de prorrogar un ano máis o contrato cun importe de 264.695 euros (IVE incluído).

Co apoio de PP e BNG, e a abstención dos socialistas, ratificouse tamén a resolución da alcaldía para ampliar o contrato do SAF, motivado en que a Consellería de Política Social concedeulle ao Concello de O Pino unha ampliación de 3.060 horas anuais (255 horas/mes)a través do Plan de reforzo do servizo de axuda no fogar para o ano 2021. Esta ampliación de horas vai permitir ampliar o contrato do SAF en 47.736 euros.

O pleno tamén aprobou por unanimidade solicitar a axuda do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para o apoio da actividade comercial en zonas rurais. Con esta proposta, o equipo de goberno da resposta a unha petición do BNG e quere desenvolver unha plataforma de venta en liña para o pequeno comercio para o que solicitará unha axuda de 54.000 euros ao Ministerio.

As mocións do PSdeG solicitando iniciar os trámites nesta lexislatura para levar a cabo unha revisión completado Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), e para que se coloquen desfibriladores en todas as instalacións públicas municipais foron rexeitadas cos votos en contra do equipo de goberno popular (7) e a favor de PSOE e BNG (4). O alcalde explicou que o goberno local xa está traballando neste liña, mantendo varias xuntanzas con responsables da Xunta, no que respecta ao PXOM, e xa teñen aceptado un orzamento de case 12.000 euros para colocar sete desfibriladores en edificios municipais, concretamente nos dous campos de fútbol e nos dous polideportivos, na casa consistorial, no colexio e na casa de cultura.

A moción do PP solicitándolle á Xunta que recorra nos tribunais a inclusión do lobo como especie protexida e instando ao goberno central a que habilite axudas polos datos que causen os lobos foi aprobada cos votos a favor do PP, a abstención do BNG e en contra do PSdeG.

Cos votos de PP e BNG aprobouse a moción do equipo de goberno solicitándolle ao goberno central que adopten medidas para rebaixar o recibo da luz. Os socialistas abstivéronse neste punto.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial