O Pleno de Frades pide axuda a Deputación para a compra dun tractor

0

Frades, 28 de xuño do 2021 – O Pleno de Frades aprobou nunha sesión extraordinaria e urxente, por unanimidade dos grupos, solicitarlle á Deputación unha subvención para a compra dun novo tractor.

A subveción solicitada sería nominativa e por un importe de 74.800 euros. O tractor usaríase para a realización de traballos de roza, limpeza e mantemento de pistas e estradas municipais. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explicou que o Concello dispón na actualidade de dous tractores dedicados a estas labores, con 15.000 e 6.000 horas de traballo, “a súa vida útil é de entre 10 e 15 anos e un deles xa ten 12 e comeza a dar problemas mecánicos”.

Rey sinalou que “segundo a memoria valorada, a nosa rede viaria municipal está composta por máis de 600 quilómetros de pistas polo que temos aos nosos dous tractores traballando oito meses sen descanso para ter as nosas pistas no mellor estado posible, sobre todo para as persoas que traballan no campo ou na gandería”. A incorporación dun terceiro tractor non só facilitaría estes traballos, senón que permitiría non ter que subcontratar outras tarefas como o traslado de equipos ou materiais para os obreiros municipais.

O acordo aprobado polos tres grupos municipais inclúe solicitarlle á Deputación unha axuda de 74.800 euros para a compra dun tractor, que terá un prezo máximo de 93.600 euros (IVE incluído). O Concello de Frades achegaría os 18.800 euros restantes de fondos propios. O tractor deberá ser diésel, de entre 110 e 130 cv e con pa, así como unha serie de características entre as que destaca un GPS e unha telemetría que permita o seu seguimento en tempo real a través de dispositivos móbiles.

Previamente, Roberto Rey xustificara a urxencia da sesión en que “nos informaron do Grupo Popular da existencia destas nominativas e o pasado 6 de abril emitimos o documento en Xunta de Goberno, pero agora nos pediron que fose un acordo plenario antes de que rematara xuño, polo que non podiamos agardar ao pleno ordinario do vindeiro 9 de xullo”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial