O Pleno de Rois non aproba a consolidación de traballadores

0

Rois, 4 de maio do 2021 – A moción socialista que pedía a consolidación dunha parte dos traballadores do concello de Rois non contou coa aprobación do pleno municipal.

A petición reclamaba que os empregados contratados antes do ano 2005 foran consolidados como funcionarios. O alcalde, Ramón Tojo, argumentou que “xa se consolidaron postos de traballo e seguimos conversando cos traballadores para seguir en esta liña polo que a moción non ten sentido”.

A petición foi rexeita polos sete votos do Partido Popular e contou cos favorables do Psoe, 3, e o BNG, 1.

AP9 e banca

O Pleno si aprobou, por unanimidade, dúas mocións presentadas polo BNG sobre a AP9 e o peche de oficinas bancarias no rural, o incremento de comisións e o despido de traballadores.

Begoña Ares recordou na moción sobre a AP9 que o Parlamento galego xa aprobara por unanimidade reclamar a transferencia da autoestrada a Galicia, e que a rebaixa das peaxes xa debería terse aplicado nesta vía, porque é importante para a economía da nosa comunidade e tamén para Rois.

Na réplica, o alcalde, Ramón Tojo, recordoulle ao BNG que na época do bipartito na Xunta, no ano 2008, votara no Parlamento de Galicia en contra da reclamación da transferencia da AP9 a Galicia, e que  na actualidade está apoiando en Madrid a un goberno que permitiu que esta autoestrada teña a maior subida de peaxes de toda España. “Dende o PP queremos a transferencia da autoestrada a Galicia, motivo polo que apoiaremos a moción”.

O PSdeG tamén apoiou a moción, solicitando que se faga a transferencia con garantías, e aproveitou a postura do BNG para recriminarlle a falta de apoio aos orzamentos deste ano no Congreso dos Deputados. A proposta foi aprobada por unanimidade.

O recorte de servizos bancarios no rural, con peche de dúas oficinas en Rois, e a redución de horario de atención na que queda de Abanca en Antequeira, así como o incremento das comisións bancarias, foron dous dos argumentos da moción que presentou o BNG solicitando que se tomen medidas para evitar deterioro destes servizos no rural.

Ramón Tojo recordou que este é un problema global e que dende o Concello fíxose e farase toda a forza posible para que Rois siga contando con oficinas bancarias para darlle servizo a veciñanza. “Estamos e seguiremos traballando para que non se reduzan servizos bancarios á veciñanza”, asegurou o alcalde. No mesmo senso se manifestou a segunda voceira socialista, Patricia Ces, que lle pediu ao Concello que siga reclamando que non se reduza o horario da única oficina que hai no municipio. A proposta aprobouse por unanimidade.

Seguridade viaria

Respecto da petición socialista para iniciar un expediente que analice as actuacións que se poidan acometer para mellorar a seguridade viaria na estrada provincial que pasa pola Meana á altura do cruce coa estrada local, o alcalde replicou que o Concello vai poñer unha sinal prohibindo aparcar nese cruzamento, para mellorar a visibilidade na estrada. “Na zona hai visibilidade, salvo nesa curva perigosa que ten a estrada da Deputación”, dixo Tojo. O grupo popular votou en contra (7) e a oposición a favor (4), polo que a moción foi rexeitada.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial