O proxecto Lingua Viva da USC recollerá o galego máis actual

0

Compostela, 25 de maio do 2021 – O proxecto Lingua Viva, impulsado dende o Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC recollerá mostras do galego actual por medio dun método colaborativo.

Lingua Viva está coordinado pola profesora Elisa Fernández Rey. O obxectivo é  poñer en marcha unha plataforma que permita recoller o patrimonio lingüístico galego. A posta en marcha dunha plataforma permitirá que todos os cidadáns poidan achegar o seu coñecemento lingüístico.

Fernábdez Rey explica que “O noso propósito é crear un espazo que reúna as doazóns lingüísticas dos falantes do galego vivo”. Esta plataforma en liña que conta co apoio do programa de micromecenado da USC Sumo Valor, incorporará distintas vías para levar a cabo a recollida do legado lingüístico, que pode ir dende a doazón de palabras e expresións ata o envío de audios ou vídeos, conversas de whatsapp ou a participación en experimentos de produción ou percepción lingüística.

“A xente, por exemplo, pode achegar as distintas expresións que emprega para amosar enfado, xa sexa a través dunha gravación ou texto escrito, e con todo ese material obtense unha representación gráfica na que se reflicten as diversas expresións que se usan segundo a idade ou o sexo”, explican os investigadores do ILG.

“A idea é que a cidadanía achegue información, pero que tamén poida comprobar como a fala cambia segundo distintos parámetros. As linguas están vivas porque están en continuo movemento e cambio e, precisamente, iso é o que as converte en instrumentos tan eficaces para que nos entendamos e os comuniquemos”, apunta a profesora  Fernández  Rey.

Por outro lado, engade, “o recurso ofrecerá visualizacións dos datos que se vaian achegando, co fin de que as persoas que doan coñecemento lingüístico teñan un retorno e poidan ver como a súa doazón contribúe e enriquece a presentación dos datos en gráficos, mapas ou outros métodos de visualización”.

Tomar conciencia da riqueza

A finalidade do proxecto Lingua Viva é conformar un corpus amplo que represente de maneira adecuada a variedade do galego vivo en todas as súas expresións, contribuíndo a que a xente tome conciencia da riqueza que supoñen as linguas e que se recoñeza o valor que representa unha lingua viva. Ademais, a partir dos datos recollidos, poderanse realizar investigacións nos campos lingüístico, sociolingüístico, ou da análise do discurso, entre outros, facendo visible e poñendo en valor o patrimonio lingüístico do galego actual.

“O noso principal obxectivo non é tanto salvagardar aspectos da lingua que se van perdendo senón resaltar a capacidade de comunicación e expresión da lingua que creamos e conformamos cada día cando falamos. A idea é que a xente vexa a lingua como algo vivo e que se recoñeza nalgún dos xeitos que temos de falar en Galicia. Trátase de que nos acheguemos a como a xente realmente fala”, salientan dende o ILG.

Elisa Fernández Rey pon o foco en que “a investigación no eido da comunicación en xeral e da lingüística en particular ten cada vez máis importancia nun mundo no que se comunica tanto a través de medios distintos, usando moitas veces tecnoloxías que están en continua mudanza. Movemos grandes volumes de información usando a lingua, de xeito que estas investigacións pódennos axudar a xestionar mellor a información e a aprender máis de como nos comunicamos para entendernos mellor”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial