O Real Padroado debuxa o futuro de Compostela ata o 2032

0

Compostela, 26 de xullo do 2021 – Despois de 18 anos reuniuse de novo o Real Padroado da Cidade de Santiago presidido pola S.M. El Rey Felipe VI e o Presidente do Goberno, Pedro Sánchez.

Na reunión do Padroado tamén participaron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo; a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño; o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares; a ministra de Facenda e Función Pública, María Jesús Montero; a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez; o ministro de Cultura e Deporte,  Miquel Iceta; o delegado do Goberno en Galicia, José Manuel Miñones; o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio da Cidade, órgano executor do Real Padroado, Xosé Sánchez Bugallo; o arcebispo de Santiago, Julián Barrio; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López; e a subsecretaria do Ministerio de Cultura e Deporte, Andrea Gavela, que actúa como secretaria.

O Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela ten como principal obxectivo coordinar e promover as accións do Goberno de España, Xunta de Galicia e Concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da cidade de Santiago de Compostela e do seu patrimonio cultural. 

Na xuntanza, o alcalde de Santiago e presidente do Consorcio, Xosé Sánchez Bugallo, presentou a “Proposta estratéxica plurianual do Consorcio de Santiago para o período 2021-2027-2032 `Camiño de Compostela 2032´”. O documento estrutúrase en tres eixes sectoriais de actuación: mantemento e restauración do patrimonio; cultura e sociedade; e espazo público, infraestruturas e medio ambiente; máis dous eixes transversais: planificación, formación, Unesco, proxectos europeos e gobernanza; e funcionamento ordinario e mantemento do patrimonio propio do Consorcio.

Santiago de Compostela representa internacionalmente un modelo urbano de éxito baseado no seu valor patrimonial, e esta proposta estratéxica busca seguir nesta mesma liña no futuro; pero revisando constantemente e de forma aberta o concepto de patrimonio para estendelo á forma urbana na súa relación co territorio.Esta proposta presentada ao Real Padroado ten un investimento previsto global de 281.562.000 €, que se artellan sobre tres importantes proxectos aglutinadores.

Dobre anel

O proxecto “Dobre anel” propón reordenar todos os espazos perimetrais da améndoa, principalmente o eixe Basquiños – Virxe da Cerca – Senra, coa praza de Galicia como nodo central.

O segundo anel sería o formado polos espazos verdes, con actuacións previstas nesta década na Alameda, o Campus Sur, os terreos do Xardín Botánico e Brañas de Sar. Tamén se prevé potenciar a rede de sendeiros que vencellan todos os espazos deste anel verde xunto cos corredores fluviais do Sar e o Sarela, que definen o territorio natural máis próximo á cidade. E, por último, proponse actuar nos dous corredores que conectan os dous aneis, a rúa do Hórreo, que conecta a intermodal coa praza de Galicia e con toda a cidade histórica; e a rúa do Sar, que une a cidade histórica cos espazos verdes e coa Cidade da Cultura, o que permite ofrecer novos atractivos turísticos que poidan reducir a presión no centro, integrando ademais a Colexiata de Sar como conexión entre a cidade histórica e a Cidade da Cultura.

Xestión de fluxos

O proxecto “Xestión de fluxos” céntrase en garantir a preservación patrimonial da cidade histórica. ten en conta a necesidade de reordenar a distribución de mercadorías e aprovisionamentos e o ciclo integral da auga. No primeiro caso, as actuacións incluirán a creación dun centro loxístico robotizado de distribución, localizado preto do casco histórico e das principais vías de comunicación, a conformación do modelo con todos os axentes implicados, o deseño de rutas óptimas e a adquisición de vehículos de baixo impacto medioambiental.

Compostela Cultura Area

O proxecto “Compostela Cultural Area” busca utilizar os espazos patrimoniais dispoñibles, xunto con outros infrautilizados ou que se poidan xerar en áreas periféricas da cidade, como base de novas dotacións e propostas culturais, de residencias de artistas internacionais e de intercambios culturais.

Trátase de crear produtos culturais ligados ao patrimonio, xerando fluxos turísticos que desconxestionen as zonas máis saturadas, dando lugar a un turismo de máis calidade e que alongue a súa permanencia na cidade. Tamén xerar festivais consolidados para os anos entre Xacobeos.

Outras actuacións destacadas

Con esta mesma filosofía de recuperación e utilización de espazos patrimoniais infrautilizados, crearíase o Polo Audiovisual de Galicia, que se localizaría no Instituto Galego de Información, unha vez acometida a adquisición e rehabilitación do edificio. Por outro lado, aproveitando a longa experiencia do Consorcio en recuperar edificios para usos dotacionais da cidade (Museo das Peregrinacións e de Santiago, Ala Sur de Bonaval para Museo do Pobo Galego, Casa do Cabido, Curtiduría de Pontepedriña para Centro Nacional de Referencia en Formación en Rehabilitación…), proponse tamén recuperar e interpretar o espazo público e outros edificios como soporte de actividades esenciais para a cidade.

Neste ámbito, a intervención máis ambiciosa é a que quere recuperar parte dos edificios do antigo Hospital Psiquiátrico de Conxo e todo o seu contorno como Polo de Formación Profesional Biosanitario.

Monumentos, tecido residencial e comercial

A estas liñas principais de actuación súmase a rehabilitación e conservación do tecido residencial, a revitalización do tecido comercial, a conservación e recuperación das grandes pezas monumentais da cidade, ás que se engade a Facultade de Xeografía e Historia, e dos seus bens mobles, o mantemento do Multiusos Fontes do Sar ou o Palacio de Congresos, entre moitas outras. Tamén a creación de infraestruturas do século XXI que permitan á cidade histórica gozar das mesmas oportunidades que os barrios periféricos, continuar co mantemento do lousado, os programas de formación e divulgación en rehabilitación, así como a posta en valor do contorno dos camiños. Ademais, destaca o sostemento de dúas institucións culturais senlleiras da cidade como a Real Filharmonía de Galicia e a Escola de Altos Estudos Musicais, entre outras iniciativas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial