O Salón teatro de Compostela acolle a nova obra do CDG “serva me, servabo te”

0

Compostela, 10 de setembro do 2021 – Ata o 26 de setembro pódese ver no teatro Principal de Compostela a nova produción do Centro Dramático Galego, CDG, que leva por título “serva me, servabo te”.

O CDG aposta con esta peza por un espectáculo no que a dramaturxia xorde do movemento e do xesto. Trátase da cuarta produción propia dun ano no que o Centro Drámatico  se está a reforzar como motor da escena galega, con máis de 100 actuacións programadas, 40 delas en xira, e proxectos nun cento de concellos.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, mantén un encontro co elenco do espectáculo do Centro Dramático Galego Serva me, servabo te.

A compañía da Xunta de Galicia ofrecerá un total de once funcións, de xoves a domingo, que, como vén sendo habitual, incluirán sesións descontraídas e encontros co público todas as semanas, así como unha representación final inclusiva.

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais o director do CDG, Fran Núñez, mantiveron un encontro cos membros do equipo artístico nun dos últimos ensaios da peza, que chega á estrea despois de varios períodos de traballo e investigación condicionados pola pandemia e realizados en distintos espazos, entre eles a Cidade da Cultura de Galicia.

“serva me, servabo te” (axúdame e axudareiche, en latín) é un espectáculo creado e dirixido por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez. A peza aborda a liña que separa a violencia do afecto, ademais de reivindicar o corpo como material que iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.

Talento emerxente e experiencia

Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño compoñen o elenco desta nova montaxe. Nela combínase xuventude e experiencia, tanto na interpretación como no equipo artístico. A creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección, e a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, xunto á escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.

As entradas para asistir ao espectáculo están xa á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada función, que serán ás 20,00 horas de xoves a sábado e ás 18,00 horas os domingos. O prezo é de 10 euros, con descontos de ata o 40% para diversos colectivos e os domingos, día do espectador. Por outra banda, o CDG ten previsto contratar autobuses para o desprazamento de alumnado dos centros de danza de toda Galicia a ver a peza no Salón Teatro, cunha tarifa especial.

No marco da aposta do CDG polo achegamento do teatro á cidadanía, haberá encontros co público todos os domingos ao remate da sesión. As persoas con dificultades para permanecer sentadas e en lugares escuros poderán gozar tamén da peza coas funcións descontraídas, previstas para todos os xoves. Nesta mesma liña, o domingo 26 terá lugar unha representación inclusiva, na que haberá interpretación en lingua de signos, audiodescricións e programas de lectura fácil.

Motor da escena galega

Con máis de 100 funcións programadas, 40 delas en xira, e proxectos nun cento de concellos, a unidade de produción teatral da Xunta está a reforzar este ano o seu papel como motor da escena galega e a prol da creación de público en todo o territorio.

Así, ao longo de 2021 serán catro as producións propias, nove coproducións (entre elas, A lúa vai encuberta, que tamén este venres se estreará no Teatro Principal de Ourense a cargo de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante), diversas residencias e outras iniciativas máis materializadas grazas á aposta pola colaboración con todos os axentes do sector, como a bolsa de dramaturxia e creación.

De cara á continuidade da temporada, a unidade de produción teatral da Xunta traballa en novos espectáculos. Ademais, o CDG está xa no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións. Trátase dunha adaptación teatral de A peste, de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de Ás 8 da tarde cando morren as nais, baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial