Ordes, 7 de xullo do 2020 – O concello de Ordes vive un tenso clima laboral no que o sindicato maioritario no comité de empresa do persoal laboral, CIG, pide ao goberno municipal respecto e imparcialidade cando use os medios de comunicación oficiais.
O sindicato critica a parcialidade informativa do Concello de Ordes e o acusa de querer “ocultar á maioría da representación do persoal laboral”.
O 2019 non existiu
As queixas nacen da nota de prensa sobre o pleno de orzamentos celebrado o 26 de xuño. En ese comunicado o goberno municipal achaca os acordos co persoal laboral á representación maioritaria no 2018, o CSIF, ignorando que na actualidade é a CIG que ostenta esa maioría.
O sindicato lembra que “foi na reunión mantida o 29 de outubro de 2019 entre o comité (2 membros do CSIF e 3 da CIG) e os representantes do Concello de Ordes cando se aprobou oficialmente o recoñecemento e bonificación das antigüidades, estipuladas como trienios na proposta de convenio colectivo”.
Tamén explican que foi precisamente a CIG quen se encargou de aclarar ao tesoureiro do Concello as dúbidas sobre as táboas de equivalencia dos trienios e quen defendeu que o persoal laboral recibira as mesmas cantidades que as establecidas para o funcionariado. Así mesmo, que se aplicaran as subas dende a toma dese acordo, para o cal se decidiu tivese un carácter retroactivo con data 1 de xaneiro de 2020, “quedando supeditado á dotación de crédito na aprobación dos orzamentos municipais”.
Por estas e outras cuestións a CIG solicita que, se tal e como se indica na nota de prensa emitida polo Concello, o acordo do pago de trienios ao persoal laboral se adquiriu a finais do ano 2018, “se aplique con carácter retroactivo o seu aboamento dende esa data e se demostre documentalmente o citado compromiso na data sinalada”.
Tamén se lle demanda ao Goberno Local que, de cara a futuras comunicacións, “aplique un maior rigor informativo, o predominio da obxectividade e imparcialidade que merece a publicación de calquera tipo de información por parte dunha Administración Pública, e que se absteña de utilizar medios públicos para o servilismo de intereses particulares por parte do Grupo de Goberno Local. Un tratamento partidista dos medios de comunicación institucionais que xa leva tempo sendo criticado abertamente por membros da oposición”.