Alegan contra o parque eólico do Solpor, en Ordes, pola ameaza sobre o Camiño Inglés

0

Ordes, 19 de xaneiro do 2022 – O BNG ven de presentar alegacións ao proxecto de instalación de cinco aeroxeradores, en Ordes e Mesía, no denominado Parque Solpor.

O Parque Solpor  prevé evacuar enerxía a través da liña que atravesa Mesón do Vento. Para o voceiro do BNG de Ordes, Pablo Vidal,  “carece de sentido pretender a evacuación da enerxía a través dunha infraestrutura inexistente, que se atopa aínda en tramitación, e ao mesmo tempo intentar dar a entender que se trata de proxectos independentes”.

O fraccionamento de proxectos é unha das denuncias máis comúns en este tipo de instalacións. Vidal engade a este respecto que “o fraccionamento en proxectos mais pequenos do que en realidade se trata dun parque eólico mais grande é unha estratexia recorrente, que responde a un intento de camuflar o impacto acumulativo e abrigarse ao amparo da lei da depredación cuns trámites moito mais laxos”.

Desde o BNG de Ordes, apuntan que o parque eólico Solpor “pretende afincarse practicamente ao pé do Camiño Inglés, ao situarse a pouco mais de 1,5 km do seu trazado, e a pouco mais de 3 km dos albergues de peregrinos existentes no lugar do Hospital de Bruma”.

No proxecto alegase que “a visibilidade do parque desde o camiño de Santiago quedará atenuada ao atravesar núcleos rurais e dispor de vexetación arbórea nos bordos do camiño”, algo que para Vidal supón “unha clara mostra do pouco rigor con que é tratada no proxecto a afección sobre o camiño Inglés, posto que precisamente o tramo do camiño mais próximo ao parque eólico pretendido transcorre por terras agrarias ou de labor, onde practicamente non existen árbores no borde do camiño que limiten a visibilidade da contorna”.

Outro aspecto que destacan os nacionalistas, é a afección sobre os núcleos de poboación próximos. Os aeroxeradores terán unha altura en punta de pá de 197,50 m, o que Pablo Vidal compara “coa cheminea de evacuación de gases da Central Térmica de Meirama, elemento inmóbil recoñecible a gran distancia”, advertindo que no caso dos aeroxeradores “o impacto será moito maior ao tratarse de cinco elementos en movemento”.

Desde o BNG sinalan que a zona “xa se atopa altamente afectada por outras infraestruturas, como por exemplo a autoestrada AP9, o gasoduto, o oleoduto e a presenza de numerosas liñas eléctricas ante a proximidade da Subestación do Mesón do Vento”. Na opinión do seu voceiro, Pablo Vidal, “implantar un parque eólico suporía limitar aínda mais o aproveitamento das parcelas existentes na área, o que significaría poñer en serio risco de abandono a uns 20 núcleos de poboación dos concellos de Ordes e Mesía, situados a menos de 1,5 km do mesmo”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies