O próximo sábado descubrirase un busto de bronce no paseo fluvial de Ordes, que leva o nome do edil nacionalista. A obra é orixinal do escultor Suso León
Ordes, 27 de outubro do 2016. O Concello de Ordes renderalle esta próxima fin de semana unha homenaxe ao edil nacionalista Ramiro Recouso. Coincidindo coa data do primeiro cabodano do seu pasamento, o vindeiro sábado 29 de outubro, ás 13.30 horas, procederase co descubrimento dun busto no paseo fluvial que leva o seu nome. Trátase dunha obra realizada en bronce, obra do prestixioso escultor Suso León, que entre outros importantes traballos é autor da Porta Santa da Catedral de Santiago de Compostela. O lugar exacto para a súa colocación será a carón do parque infantil.
Dende o Concello de Ordes faise un chamamento a toda a veciñanza que desexe acudir para ofrecerlle un emotivo recordo a un dos políticos máis apreciados pola sociedade ordense. Ademais do alcalde e doutros membros da corporación, ao acto tamén asistirán representantes destacados da executiva local e comarcal do BNG.
Con isto tanto o Concello como o pobo de Ordes queren unha vez máis pór de manifesto o aprecio e o recoñecemento á figura de Ramiro Recouso. Xa o pasado 4 de novembro, coincidindo co seu 48 aniversario, o Pleno de Ordes en sesión extraordinaria aprobara a denominación Paseo Fluvial Ramiro Recouso Liste dunha das áreas verdes e de ocio máis importantes para a vila. Un xeito “de perpetuar a memoria dun veciño tan importante, para que sempre estea presente e poidamos, nós e as persoas que veñen detrás, lembrarnos e saber del”, manifestou no seu día o rexedor José Luis Martínez Sanjurjo. Posteriormente, o 28 de novembro de 2015, descubríase á entrada do mesmo espazo un monólito cunha placa metálica coa súa imaxe gravada. O 25 de xuño a Asociación de Veciños e Veciñas de Pereira plantou un carballo na súa honra no campo da festa desta parroquia onde residía Recouso.