Os orzamentos de Ames avanzan pero haberá que falar co rural

0

Ames, 19 de febreiro do 2017 – O equipo que negocia os orzamentos de Ames para 2017 emite un novo comunicado no que mostra os avances da negociación e o que queda por facer.

Cando chega ao seu fin o prazo que se deron para negociar o orzamento municipal para 2017 ambas partes constatan avances na maior parte das propostas que se puxeron sobre a mesa de negociación. En concreto chegouse a acordos sobre a introdución de partidas que permitan a posta en marcha dentro deste exercicio dunha ordenanza de renda social municipal e rescate social, tal e como plantexou Ames Novo desde o inicio do proceso.

As dúas partes negociadoras dos orzamentos de Anes acadaron tamén o acordo de incluír unha dotación económica específica para a elaboración en 2017 dun plan de orzamentos participativos que se irá poñendo en marcha de forma progresiva nos vindeiros exercicios.

Tamén se chegou a acordo noutro dos asuntos que Ames Novo levou á mesa de negociación, como é o de que se vincule a asistencia técnica que o Goberno tiña contemplado contratar para a supervisión da prestación do servizo do Ciclo Integral da Auga coa elaboración dos estudos preceptivos para o rescate da xestión municipal do servizo, dada a coincidencia entre ambas partes na necesidade desa remunicipalización.

Asemade as partes que negocian os orzamentos de Ames consideran adecuada a inclusión de partidas destinadas a obras de mellora da accesibilidade en diversos espazos públicos e á realización de obras de mellora reclamadas por ANPAS e outros colectivos, tanto nos centros educativos como no Milladoiro.

Queda, sen embargo, por acabar de resolver o asunto do reinvestimento nun plan específico para o rural da recadación adicional froito da aplicación do “catastrazo” nese ámbito. Ames Novo, que no seu día fixera unha proposta de destinar esa cantidade a un plano bianual, chegou ao compromiso de que aceptaría calquera acordo que o goberno establecese coas Asociacións de Veciños das parroquias rurais. No día de onte a Federación de AAVV do rural de Ames fixo chegar tanto ao Goberno como a Ames Novo unha serie de alegacións á proposta que o goberno municipal lles trasladara. Isto supón a posta en marcha dun proceso que permita pechar o acordo entre os colectivos rurais e o goberno. Este proceso porase en marcha de xeito inmediato, ratificando Ames Novo, pola súa parte, a disposición a ratificar o que nel se acorde. A tal fin prorrógase o prazo de negociación dos orzamentos de Ames para que se poida materializar ese acordo coa federación veciñal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial