Os Centros de Saúde piden solucións ante a saturación que sofren

0

Bisbarra, 4 de novembro do 2021 – O persoal das áreas administrativas dos Centros de Saúde denunciaban este mércores a saturación que sofren e a consecuencia directa sobre a atención primaria.

Representantes da executiva de CIG Saúde e do Persoal de Servizos Xerais, PSX, dos centros de atención primaria explicaron que dita saturación obriga a asumir responsabilidades que non lles corresponden. A falta de coordinación a hora de distribuir o traballo e a falta de formación do persoal en lista de agarda complica aínda máis o traballo.

Os representantes do persoal demandan que se creen as xerencias de atención primaria e os postos de xefe de grupo e coordinador de formación. As prazas de PSX aumentaron progresivamente nos últimos anos, a medida que aumentaba a demanda, pero iso non trouxo consigo un aumento da xestión xa que as estruturas encargadas de coordinar o novo persoal foron desaparecendo.

O sindicato denuncia que a desaparición da estrutura de xestión levou a que ese persoal asumira, entre outras, labores de xestión e organización. Os representantes do persoal denuncian que ese novos postos de PSX estaban previstos para funcións de auxiliar administrativo ou celadores e non para sumir responsabilidades como as mencionadas. Por iso demandaron que se creen as Xerencias de Atención Primaria e os postos de Xefe/a de Grupo e de Coordinador/a de Formación.

Segundo explicou a secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín, a categoría de persoal PSX creouse mediante o Decreto 160/1996, do 25 de abril como unha categoría polivalente con funcións, maioritariamente, de auxiliar Administrativa e celadora. Prazas que eran para prestar servizos en novas unidades e servizos e para as que a CIG-Saúde non foi partidaria “nin da polivalencia nin de que o persoal asumira funcións que non lle correspondían”.

Durante estes anos as prazas de PSX fóronse incrementando en función das necesidades asistenciais. Un incremento que trouxo consigo un incremento de funcións, non só administrativas, senón tamén de  funcións de organización e xestión, ao tempo que desaparecían as estruturas de xestión de atención primaria.

A responsable da CIG Saúde, María José Abuín, lembrou que coa desaparición da xerencia de atención primaria e da súa estrutura directiva, o persoal de primaria é “xestionado” directamente polo persoal PSX do seu centro, xa que a xestión que se realiza desde o hospital é insuficiente. Deste xeito, o/a PSX “asume” a responsabilidade da xestión das comunicacións coa xerencia e mesmo da xestión das ausencias, xestionando as axendas, decidindo cando hai que bloquealas pola ausencia do/a médico/a, ou sobre intersubstitucións, entre outras cuestións, de todas as profesionais do centro.

É dicir, entre as funcións encomendadas a este colectivo está a activación e reorganización das axendas de todos os profesionais. “Isto supón para os e as PSX asumir unha responsabilidade que no ámbito hospitalario é exercida por persoal facultativo de admisión e documentación clínica, ou persoal ao seu cargo, sen que haxa ninguén da Xerencia que estableza unhas directrices claras sobre como debe facerse, nin que instrúa ao persoal dos centros nin supervise tales actuacións”.

A maiores, nas áreas non hai unha persoa responsable directa deste persoal, nin unha persoa con coñecemento da organización do traballo, cadro de persoal individual ou colectivo, necesidades de cobertura, e coñecemento das funcións e competencias que realizan.

Xunto a isto, Abuín subliñou que tampouco existe ningún protocolo de traballo. “As modificacións normativas son comunicadas mediante correo electrónico, moitas veces de hoxe para mañá, sen ter unha persoa de referencia para poder clarificar dúbidas”. Xerencia de atención primaria

Por iso reiterou a demanda da CIG-Saúde dunha xerencia de atención primaria coa estrutura directiva necesaria, dentro da que, ao igual que existe no ámbito hospitalario, propuxo a creación das xefaturas de grupo na atención primaria, con funcións de xestión de persoal.

Formación

Respecto da formación, explicaron que a prestación de servizos na categoría de PSX require do coñecemento específico dunha serie de competencias e de programas e aplicativos informáticos que son do ámbito privado do SERGAS. “Só podes coñecelos a través da formación que te dan as compañeiras na prestación de servizos, ou mediante unha formación específica que non chega a todo o persoal, nomeadamente ao persoal das listas de vinculacións temporais”.

A este respecto apuntou a cantidade de programas específicos que teñen que manexar quen desenvolvan as funcións que realizan as PSX. Entre outros, para Cita Previa: SIGAP; Cita Previa; Cita Especializada ( GPE); Cita Radiolóxica (GPR) ; Altas normais e a desprazadxs;  Altas no aseguradxs (N/A) ou MODULAB.

Para Xestión Administrativa: Facturación a terceiros; Reintegro de gastos desprazamentos; Reintegro material ortoprotésico; Reintegro gasto farmacéutico ou Tarxeta Sanitaria. E para Xestión Sanitaria: LOGAS; MANSIS; QUERES; E-SAÚDE ou Chave 365.

Por iso a CIG-Saúde demanda tamén a creación do posto de Coordinadora/or de Formación, un por distrito sanitario, con funcións máis que xustificadas para formar nas competencias profesionais ao persoal PSX e no elevado número de programas específicos do SERGAS que necesitan coñecer para desenvolver o seu traballo diario.

Unha formación “dirixida á actualización dos coñecementos de todas as PSX e que coordine o persoal de todos os centros cando se inclúa algunha nova ferramenta ou se mude o uso das xa existentes”. Mais tamén “dirixida ás novas incorporacións, tanto das listas de selección temporal coma o persoal que se incorpore por unha OPE ou polo concurso de traslados”.

Formación que, na actualidade, quen a proporcionan son as compañeiras e compañeiros de traballo, “sen que haxa ninguén que a supervise” e que agrava a situación nos lugares onde hai unha/un soa PSX; nestes casos a maioría das veces a formación é telefónica, e que unha vez máis recae nos e nas compañeiras.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial