Bisbarra, 29 de xaneiro do 2021 – Os concellos da Baña e Ordes aprobaron en pleno os plans da Deputación destinados a obras e gasto social.
Os concellos da provincia teñen de prazo ata o 5 de febreiro para enviar as propostas para os novos POS da Deputación. Os distintos plans deben ser aprobados antes nas sesións plenarias.
Tenso debate en Ordes
O pleno da pasada noite en Ordes estivo marcado por unha actitude desafiante do alcalde que aproveitou para cargar contra a Deputación da Coruña.
Ante unha pregunta do socialista Fernando Viqueira sobre as obras elixidas para o POS o alcalde, José Luís Martínez, explicou que se levaban “proxectos do 2017, 2018 e o complementario do 2020 porque a Deputación non os quixera financiar no seu día”.
O enfrontamento con voceiro do BNG foi incluso maior: Os nacionalistas criticaron de xeito especial o desvío de máis de 300.000 euros a gasto corrente “xa que non sabemos a que se destinaran”. O alcalde argumentou que co gasto corrente fixéranse moitas obras e atacou ao voceiro do BNG, Pablo Vidal, chamándolle “mentiroso” e dicindolle que “non aguantaba que se fixera unha boa xestión mentres se dedicaba as carreiras nocturnas con máscara”.
Finalmente o Plan de Obras foi aprobado coa abstención de Psoe, UXO e BNG e os votos a favor do PP. O Plan de gasto social conseguiu a unanimidade de toda a corporación para saír adiante.
Unanimidade nas obras da Baña
O POS da Baña foi consensuado entre o Psoe e o PP. Compromiso por Galicia explicou que non presentara propostas xa que as previstas por eles estaban incluídas nas do Partido Popular. Os tres grupo votaron a favor do POS que aprobouse, en consecuencia, por unanimidade.
Non sucedeu o mesmo no Plan de gasto social. O equipo de goberno socialista quería destinar unha partida a reforzar o departamento de servizos sociais, algo que PP e CxG non consideraron necesario e optaron por destinar esa parte a gastos de emerxencia social. Compromiso solicitou informes dos expedientes tramitados nos dous últimos anos polo departamento para valorar si ese reforzo era necesario.
A proposta de PP e CxG saíu aprobada cos votos de estes partidos mentres que a opción d equipo de goberno foi rexeitada.