Os últimos concellos apuran a aprobación dos Plans da Deputación

0

Bisbarra, 5 de febreiro do 2021 – Todos os concellos apuran a aprobación dos Plans Únicos da Deputación xa que hoxe venres remata o prazo de presentación.

Ames, Santa Comba, Melide ou Arzúa foron algúns dos que tiveron pleno esta semana. Este ano, de xeito extraordinario, tiveron tamén que aprobar un plan específico da Deputación destinado a gasto social.

Ames e o whatsapp

A oposición de Ames mostrouse onte moi molesta pola premura da convocatoria e o pouco tempo para revisar os proxectos. O sábado os concelleiros recibiron un aviso por whatsapp informando da convocatoria do pleno onte xoves. O luns recibían a documentación e o mércores tiña lugar a comisión informativa.

As prisas as criticaba José Ramón Oulego, de Ciudadanos, dicindo que “non son 4 folios, son 200 megas de pdf e informes técnicos imposibles de revisar en tan pouco tempo. Esta forma de actuar é inconcibible e reduce cada vez máis o papel da oposición”. Francisco Javier Olmo do Partido Popular ía máis alá e dicía que “estou convencido de que si non estivern obrigados pola Deputación nin os traerían ao pleno”. Pola súa banda Quique Costas, de Ames Novo, dicía sentirse alleo aos proxectos “non contar coa oposición é algo que se repite todos os anos e con todos os gobernos sexan do color que sexa”.

Finalmente o plan de obras aprobouse cos votos a favor do goberno e as abstencións de Ciudadanos e Ames Novo; o destinado a gasto social saíu adiante por unanimidade.

Melloras nas Casas da Cultura, accesibilidade no Milladoiro ou actuacións no rural son algunhas das partidas aprobadas no Plan de Obras. O gasto social servirá en boa medida para reforzar o persoal do departamento de asuntos sociais durante os vindeiros 9 meses o que axudará a xestionar de forma máis axil todo o relativo a crise sanitaria.

Arzúa

Arzúa aprobou cos votos do goberno municipal, formado por Alternativa por Arzúa e Psoe, investimentos e gastos que superan os 800.000 euros.  

Entre as obras principais está a humanización da Rúa do Carme dende a rúa Xosé Neira Vilas, a renovación de alumeado no rural ou o reforzo do firme da edar.

A partida destinada a gasto social servirá para reforzar o apoio aos maiores e a medidas de igualdade e suporá máis de 200.00 euros de gasto.

Melide

Melide supera tamén os 800.000 euros entre os plans de obras e o extraordinario de gasto social. No primeiro atópase a mellora da accesibilidade peonil na Circunvalación da Feira, a adecuación e posta en valor da Rúa Ovedo, ou construción dunha senda peonil en Sabián e a mellora do acceso ás instalacións do campo de fútbol municipal.

O fondo social destinará 194.033,69€ a gastos sociais extraordinarios como programas de conciliación, garantir ingresos suficientes ás persoas en soidade ou a familias en situación de risco de exclusión social.

Santa Comba segue coas liortas

Despois de que no anterior pleno os Plans da Deputación quedaran enriba da mesa finalmente a abstención do Psoe propiciou a aprobación nunha nova sesión.

Entre acusacións da oposición de non querer consensuar nada, e do alcalde, David Barbeira, de non presentar propostas, saíu adiante a inversión de máis de 700.000 euros.

Destacan entre os investimentos aprobados a mellora da estrada de San Salvador con máis de 350.000 euros ou a pavimentación de Outeiro e Boaña por máis de 260.000. Tamén será arranxada a cuberta do centro de formación destinado a escola taller ou as melloras dos vestiarios dun local en Fontenla.

Boqueixón

O concello de Boqueixón aprobou por unanimidade o plan extraordinario de gasto social da Deputación e cos votos favorables do PP, que goberna, e a abstención de Veciños de Boqueixón, na oposición, os plans de obras.

No caso da partida de gasto social o alcalde explica que “destinarase a ampliar o servizo de axuda a domicilio en todas as súas modalidades, prestando especial atención á de libre concorrencia. Neste senso, buscamos dar cobertura a aquelas persoas que solicitaron esta axuda no 2020 e que aínda non a teñen resolta. Pola información que nos trasladan dende o Departamento de Servizos Sociais, xa contamos con catro persoas en lista de agarda”.

Nos plans de obras destacan os traballos de mellora do firme en ata 8 parroquias do muncipio. Veciños de Boqueixón criticou a falta de novos proxectos e o destino único a mantemento. O alcalde, Manuel Fernández explicou que “un dos obxectivos cos que traballamos dende que estamos no goberno e no que Veciñ@s de Boqueixón estaba dacordo era a aglomeración das vías transversais co fin de favorecer a vertebración do municipio. Neste senso, estamos a dar pasos significativos, mais cos medios e co orzamento do que dispoñemos, temos que ir pouco a pouco cubrindo as necesidades”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial