Compostela, 20 de xaneiro do 2022 – A Xunta de Galicia ven de presentar unha nova edición do festival de curtas Pequefilmes que se celebrará na Cidade da Cultura.
Pequefilmes terá lugar os días 29 e 30 de xaneiro e nel participarán 80 traballos de 20 países. O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, presentou no Gaiás as novidades desta sexta edición, acompañado do director do festival, Jorge Rivero, e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. O festival decorrerá con proxeccións en sala e en liña, apostando por manter o formato híbrido que iniciou o ano pasado.
Na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade puxo de relevo a contribución do festival como unha actividade que promove o gusto polo audiovisual de calidade entre as nenas e nenos, e tamén estimula, desde idades temperás, a súa ollada e actitude críticas como espectadores. “O público miúdo que asiste ao festival na Cidade da Cultura de seguro será tamén público das salas de cinema no futuro”, afirmou.
Tanto o secretario xeral de Cultura como a directora xerente da Cidade da Cultura subliñaron tamén a oportunidade que ofrece o formato híbrido para ampliar o público de Pequefilmes, permitindo que nenas e nenos de toda Galicia e de España gocen da súa programación, mais sen renunciar á experiencia de ver cinema en pantalla grande.
Programación de calidade
Pequefilmes mantén a calidade e a variedade como bandeira da súa programación, con curtas de todos os xéneros, estilos e temáticas. Este ano aumenta tamén a presenza de pezas de imaxe real con respecto a outras edicións “porque queremos mostrar que do mesmo xeito que a animación pode ser tamén para un público adulto, o cinema infantil non se fai só con animación”, explicou Jorge Rivero.
Entre as curtas escollidas hai pezas seleccionadas e premiadas nos festivais máis importantes do mundo, como a española Vuela, nominada ao Goya á mellor curta de animación 2021. A obra, dirixida por Carlos Gómez-Mira Sagrado, leva recollidos xa máis de 22 galardóns a nivel internacional. Tamén curtas como a francesa Migrants, tamén candidata aos Goya, premiada nos BAFTA Student Awards e en diversos festivais de Xapón, Estados Unidos e Europa; Tobi und der Turbobus, galardoada no Fantasia Film Festival e no Festival Clermont-Ferrand en 2021; ou Orgiastic Hyper-Plastic, premiada na MONSTRA de Lisboa e no Animafest Zagreb de Croacia, poderán verse nesta edición.
Canda elas estará a curta galega Atopando o Camiño, dirixida por Andrés Castro e María Fanjul. Esta curtametraxe, protagonizada polo alumnado do CEIP Parada-Campañó (Pontevedra) e candidata aos Mestre Mateo 2020, foi tamén seleccionada, entre outros, no Zinetxiki Zinemaldia (España), o TFM Online Film Festival (India) ou o Festival Internacional de Cine Joven de México 2021, onde gañou o Premio Especial da Sección Infantil e unha mención especial á mellor actriz para Laura Gómez Torres.
Colaboración co Festival Olloboi
As entradas poranse á venda esta semana en Ataquilla.com e na billeteira do Museo Centro Gaiás para as sesións presenciais, a un prezo de 3 euros máis gastos de xestión, e ao mesmo prezo para as sesións en liña na plataforma tv.Festhome, coa opción de adquirir tamén abonos para unha sección ou todo o festival.