Touro, 19 de xaneiro do 2021 – O concello de Touro celebra o cinco de cada mes unha feira en Fonte Díaz que convirte o núcleo nun autentico caos.
A Marea Veciñal o denuncia cunha imaxe que é bo exemplo das queixas. Coches e camións rozando cos postos e o espazo mínimo para os peóns, unha clara situación de risco no contexto de pandemia actual.
Solicitude de ordenanza
A Marea Veciñal de Touro esíxille ao alcalde, Ignacio Codesido, que “exerza dunha vez por todas as súas competencias e prepare unha ordenanza municipal para regular a celebración da feira”.
A normativa municipal permitiría, explican, “situar os diferentes postos do mercado dun xeito lóxico e non como ocorre até o de agora que mesmo se ocupan espazos como a entrada do centro de saúde, dificultando a entrada de pacientes e o estacionamento das ambulancias en caso de emerxencia”.
Para o partido veciñal é “unha anomalía que despois de tantos anos celebrándose a feira non exista unha ordenanza municipal regulatoria, algo insólito que ocorre en poucos concellos de Galicia e que deixa en evidencia a vagancia crónica e incompetencia do goberno local”.
Para a Marea de Touro o que impera “é o caos, tanto para os veciños que acoden ao centro de saúde como para os que pasean pola feira”. Alertan tamén da perigosidade que supón a combinación de tráfico pesado e viandantes. Neste senso demandan unha ordenación do tráfico que evite unha desgracia.