Ames aproba no pleno de abril a liña de bus que dara servizo a Ortoño, Bugallido e Biduído

0

Ames, 2 de maio do 2022 – O pasado xoves o pleno de Ames aprobou o convenio que permitirá recuperar o servizo de bus con Compostela a Ortoño, Bugallido e Biduído.

Trátase dun acordo coa Consellería de Infraestruturas e Mobilidade. A liña de bus ten a consideración de Interese Municipal e sairá de Bertamiráns, rúa Alcalde Lorenzo, para chegar á estación intermodal de Santiago pasando polas parroquias de Ortoño, Bugallido e Biduído.

O convenio comezará a aplicarse nas próximas semanas e terá vixencia ata finais de maio de 2026. Contará cun investimento total do Concello de Ames de 220.812,96 euros.

Revisión dos prezos do Ciclo Integral Auga, limpeza viaria e Punto limpo

No pleno de abril abordáronse as revisións de prezos do contrato de xestión do servizo público do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, así como do contrato de concesión de limpeza viaria e xestión do Punto limpo, dende o 1 de xaneiro de 2022. Estes dous puntos tamén foron aprobados por unanimidade da Corporación municipal.

A concesionaria do servizo de augas solicitou unha revisión dos prezos a partir de comezos de 2022, que supoñen unha actualización do 9,25%. Deste xeito, o cargo estimado aos orzamentos municipais de 2022 ascende aos 1.931.001,80 euros.

Ratificouse tamén a sétima prórroga do contrato con Urbaser SA para a concesión do servizo municipal de limpeza viaria e xestión do Punto limpo, ata o 14 de xullo de 2022. Do mesmo xeito que no acordo para o Ciclo Integral da Auga, o contrato coa empresa concesionaria conta cunha cláusula que para a revisión de prezos, a cal se solicitou no pasado mes de marzo. Deste xeito, a actualización de prezos para o exercicio 2022 contempla un coeficiente de actualización do 6,5%, o que suporía que o novo custo revisado para a prestación do servizo neste ano sería de 639.914,84 euros.

Modificación do plan de subvencións 2020-2022

O pleno aprobou tamén a modificación do Plan Estratéxico de Subvencións do Concello de Ames para o período 2020-2022, que fora aprobado en sesión plenaria o 27 de febreiro de 2020. Ao ser redactado e aprobado antes da crise epidemiolóxica da Covid-19, o Concello puxo en marcha distintas liñas de actuación que non estiveron reflectidas no Plan, polo que cómpre incluír neste novas subvencións, así como reformular algunhas xa existentes. Este punto saíu adiante co voto a favor dos membros do Goberno municipal e dos/as concelleiros/as do Partido Popular de Ames. Os concelleiros do grupo mixto, Quique Costas, de Ames Novo, e José Ramón Oulego, de Ciudadanos, abstivéronse.

Algunhas das modificacións máis notables son a creación dunha nova liña de axudas de 20.000 euros para empresas do sector audiovisual, o crecemento das subvencións para actividades de promoción social e de fomento do comercio local, e a retirada das subvencións a entidades deportivas para realizar programas de escolas deportivas, co fin de reformulalas de cara ao exercicio 2023.

Sobre este asunto o concelleiro de Ames Novo, Quique Costas, dixo non coñecer a argumentación suficiente para ditas modificacións do plan de subvencións. “Suprímense partidas e non sei porque. Pídeseme un acto de fe para aprobar estas modificacións. Eu sempre apoie o plan de subvencións, pero neste caso cos datos existentes non podo saber se está ben ou non, polo que non o podo apoiar”.

Aprobación da ordenanza de limpeza de terreos, solares e parcelas

Por outra banda, aprobouse a aprobación inicial da ordenanza municipal reguladora de limpeza de terreos, solares e parcelas en solo urbano, núcleo rural e urbanizable. Este punto saíu adiante co voto favorable do Grupo de goberno e dos dous concelleiros do grupo mixto, mentres que os concelleiros e concelleiras do grupo municipal popular abstivéronse. Neste punto a discrepancia existiu no punto 15.2 da ordenanza sobre a execución forzosa dos traballos de limpeza e mantemento.

Aprobación do regulamento de condicións do SAT de Teo e Ames

Outro tema aprobado por unanimidade foi o regulamento de prestación do Servizo de Atención Temperá dos Concellos de Ames e Teo, que asinaron un convenio para a xestión compartida deste servizo en outubro de 2021. Dende outubro, ambos Concellos constitúen unha Comisión Mixta de Coordinación, na que traballan conxuntamente para facilitar o cumprimento e o funcionamento do convenio.

Este equipo de traballo vén reuníndose dende comezos de 2022 para pechar e regular o catálogo de condicións de prestación do SAT, no que se inclúen elementos necesarios para o desenvolvemento do servizo, como os baremos para establecer as listas de agarda, no caso de seren necesarias, os dereitos e deberes das persoas usuarias ou os medios persoais e materiais do servizo, entre outros temas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies