Política Linguística edita os mellores traballos da educación social

0

Compostela, 21 de xaneiro do 2022 – A Xunta de Galicia e o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg) presentaron esta o libro que recolle os traballos premiados na sétima edición do Concurso TFG.eduso.

A iniciativa, apoiada desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística, recoñece os mellores proxectos de fin de grao arredor da educación social presentados en lingua galega nas universidades públicas de Galicia nos cursos académicos 2018/2019 e 2019/2020.

No acto, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e a vogal do Ceesg, Rocío Núñez. Os obxectivos deste certame son, entre outros, outorgarlle recoñecemento á calidade dos traballos realizados polo alumnado galego ao tempo que se fomenta o uso da lingua galega nos proxectos de fin de grao, non só no campo da educación social, senón no conxunto das licenciaturas e graos das universidades galegas.

Valentín García indicou que “Estes fins están, daquela, en total sintonía co principal interese do Goberno autonómico. A promoción do galego en todos os ámbitos e funcións, tamén no universitario e no labor académico e investigador, é unha das prioridades coas que traballamos. É imprescindible que a nosa lingua estea na vangarda da investigación e da innovación”.

No tocante ao libro, salientou que se trata “dun recurso moi necesario para a formación dos futuros educadores e educadoras sociais, tanto pola innovación dos traballos recoñecidos como pola variedade da súa temática, xa que versan sobre campos moi diversos”. Os seis proxectos premiados nesta sétima edición abordan, pois, desde unha perspectiva socioeducativa, cuestións vinculadas á renda básica, á prensa e ao proxenetismo, á xestión cultural no eido local, á educación afectivo-sexual, á adolescencia ou á vellez alén da heteronormatividade.

Xa para concluír, Valentín García quixo darlles os “parabéns, tanto ao alumnado que realizou os traballos como aos organizadores do certame, polo esforzo adicional que supuxo, ademais, realizalo en plena pandemia”.

Traballos premiados

Os traballos premiados foron, no curso académico 2018/2019:  Adolescentes e ocio: análise cualitativa en medidas xudiciais en medio aberto nos CIEMA de Galicia, de  Xesús Martínez Fernández; Renda Básica e Educación Social: cara a un novo paradigma nos servizos sociais, de Rodrigo Gil Cedillo, e A prensa proxeneta en Galicia. Unha análise dos anuncios de prostitución dende a Educación Social, de Ana Pousada Gómez (Mención especial do xurado)

Por último, os elixidos no curso 2019/2020 resultaron: A xestión cultural no eido local galego: as funcións do educador/a social, de Alejandro Ventura Amado; Porno e educación afectivo-sexual. Un quefacer actual do/a profesional da Educación social, de Noelia Moreau Castro, e A vellez máis alá da heteronorma: un estudo cualitativo sobre a formación, coñecementos, actitudes e percepcións dos/as profesionais de centros para maiores, de Nazaret Blanco Pardo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies