займ срочно

Toponimízate, valorar o nome do lugar no que vives

0

Bisbarra, 9 de xuño do 2022 – A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Real Academia Galega veñen de presentar a nova campaña da iniciativa Toponimízate, que pon en valor a toponimia de Galicia.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor F. Freixanes, foron os encargados de presentar a nova campaña que duplica o número de actividades e chegará a dezasete concellos.

Organizada pola Real Academia Galega terá como coordinador técnico a Vicente, especialista en toponimia do Seminario de Onomástica.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades fixo fincapé “na importancia deste patrimonio inmaterial que temos o deber de protexer, coidar e divulgar, especialmente nas novas xeracións”. Valentín García salientou nesta liña que cómpre, ademais, promover a colaboración na recolla colectiva da microtoponimia, tratando de “facer partícipe o maior número de persoas posibles e facendo medrar esta nosa obra colectiva”.

O obxectivo principal deste proxecto colectivo é difundir o valor da riqueza toponímica galega e involucrar á sociedade para salvagardar os nomes de lugar a través de Galicia Nomeada, a plataforma colaborativa de recolla toponímica creada conxuntamente entre a Real Academia Galega e a Xunta de Galicia.

Microtoponomia

Nesta nova xeira de charlas procuráronse escoller os concellos onde a microtoponimia (nomes de leiras, montes, regatos, fontes, penedos, etc.) correse un maior risco de perda, como é o caso daqueles lugares que están a vivir un forte despoboamento ou a sufrir amplos procesos de transformación do territorio.

Haberá varios bloques temáticos nos que se falará da riqueza toponímica que ten Galicia e do risco que corre de perderse, das utilidades prácticas para a Administración, o mundo da investigación e para a sociedade en xeral e tamén do significado dos nomes de parroquias e aldeas de cada concello. Neste último apartado, contarase coa colaboración na elaboración destas etimoloxías de Gonzalo Navaza, académico numerario da RAG e profesor da Universidade de Vigo.

Tamén se explicará o funcionamento da aplicación Galicia Nomeada coa que a veciñanza poderá engadir na plataforma os topónimos que coñeza. Desde o lanzamento público desta ferramenta dixital, a finais do 2019, foron máis de 43.000 os microtopónimos recuperados e postos á disposición de toda a cidadanía galega na rede. Máis de 2.600 persoas colaboradoras se rexistraron, engadindo nomes en 292 concellos galegos.

Lugares da campaña

O concello lucense de Pantón será o encargado de abrir a campaña Toponimízate 2022 o venres 17 de xuño no Salón de Actos da Casa da Cultura. Despois pasará por Sada, Laza, Chandrexa de Queixa, A Fonsagrada, Covelo, Castrelo de Miño, Rodeiro, Fisterra, Ortigueira, Allariz, Oleiros, Ponteareas, Forcarei, Zas, Guntín e O Incio, onde pechará a campaña o 25 de novembro.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies