Preocupación polo tránsito de camións cara o vertedoiro de MIramontes

0

Compostela, 28 de xuño do 2021 – Compostela Aberta preguntará ao Goberno polas medidas para impedir a circulación de camións de máis de 5,5 toneladas ao vertedoiro de Miramontes.

Unha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de amparar as decisións tomadas polo Goberno de CA ao respecto durante o pasado mandato. O concelleiro Xan Duro lamentou que “malia o pronunciamento do TSXG, parece non haber obstáculos para que no mal chamado complexo ambiental continúe a actividade e, polo tanto, para que continúen tamén as molestias orixinadas para a veciñanza da Grixoa e os danos causados ao medio ambiente”.

Xan Duro lembrou que en abril de 2018, sendo concelleiro de Medio Ambiente, asinou unha resolución na que se requería a regularización da situación xurídica das empresas que accedían ao vertedoiro de Miramontes e solicitando a autorización de paso de camións de gran tonelaxe por un viario rural, nos que non está permitida a circulación de vehículos cun peso máximo autorizado superior ás 5,5 toneladas.

As empresas afectadas, a UTE Eyrega e Tecnosolos Galaicos, presentaron un recurso de reposición, ao entender que tiñan permitido o paso en virtude da autorización concedida no ano 1991 á entidade Áridos CNC, que depositara tamén unha fianza de 18.000 euros para responder dos posibles danos na pista.

O conflito chegou finalmente á vía xudicial, e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia vén de pronunciarse, declarando que a excepción de tránsito para os camións de gran tonelaxe outorgada a Áridos CNC en 1991 non ampara o paso dos vehículos das empresas que actualmente utilizan o viario para acceder ao vertedoiro.

Xan Duro pedirá no Pleno que o Goberno explique que pasos vai dar despois da sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para impedir que os camións de gran tonelaxe sigan circulando polo viario da Grixoa. O concelleiro de Compostela Aberta incidiu en que “esta é unha medida urxente, e máis cando no vertedoiro de Miramontes continúa a actividade malia as múltiples irregularidades que se foron detectando nos últimos anos, que requiren dun maior compromiso das autoridades medioambientais para garantir o cumprimento de todas as normativas vixentes”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial