Primeiros pasos para o plan de mobilidade de Ames

1

Ames, 13 de abril do 2021 – O Concello de Ames comeza cos traballos a pe de rúa que se incluirán no Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS), actualmente en fase de redacción.

O custo do PMUS de Ames foi adxudicado por un importe de 58.499,87 euros. Esta semana comezará a realización de 300 enquisas a usuarios/as do transporte público. Por outra banda contabilizarase o número de vehículos naquelas zonas do concello con maior volume de tráfico. Isto farase mediante a instalación de distintos tipos de aforos (con cámara e tubos pneumáticos).

O documento resultante de estes traballos servirá de guía para levar a cabo actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade a realizar no futuro. O contrato forma parte do programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público, recollido na EDUSI Impulsa Ames.

O PMUS enmárcase dentro do Plan Impulsa Ames, cofinanciado pola Unión Europea, a través do FEDER no marco do Programa Operativo Plurirrexional de España 2014-2020. O servizo de redacción do PEMUS está incluído dentro do Obxectivo Temático 4 de Cambio climático, da EDUSI Impulsa Ames, dirixido a “Favorecer o paso a unha economía de baixo nivel de emisión de carbono en todos os sectores”. Concretamente enmárcase na liña de actuación número 4: programa de mellora integral da mobilidade e a conectividade por transporte público.

Enquisas a pé de rúa

As paradas de transporte público con máis usuarios/as son as situadas na avenida de Rosalía de Castro, no Milladoiro (ida e volta); as paradas que se atopan ao carón da praza da Maía e da praza de Chavián, en Bertamiráns (ida e volta) e maila parada do parque empresarial Novo Milladoiro, que está situada na avenida do Muíño Vello (preto da rotonda de entrada ao parque empresarial). Estas son as paradas nas que se van realizar de xeito presencial as entrevistas de transporte público. Ademais, as paradas de Bertamiráns, parque empresarial Novo Milladoiro e do Milladoiro, son paradas da liña XG80714, que é a liña que conecta os núcleos urbanos do Milladoiro e Bertamiráns.

As enquisas realizaranse hoxe martes e mañá mércores. A concelleira de Mobilidade, Beatriz Martínez explica que “para caracterizar a demanda de transporte público preguntarase sobre a orixe e o destino da viaxe, motivos deste,    frecuencia, título de transporte utilizado, modos de acceso e dispersión, dispoñibilidade de vehículo, modo de realización da viaxe inversa, etc”.

Control do volume do tráfico

Outro dos traballos que se realizará será o control de volume de tráfico mediante a instalación de aforos con cámara e con tubos pneumáticos. A través de cámara analizarase o volume de tráfico en dous puntos do Milladoiro; na rotonda da entrada ao Milladoiro (final da SC-20 e comezo da avenida de Rosalía de Castro) e na avenida de Rosalía de Castro (intersección coas rúas Cruxa e Figueiras). En Bertamiráns, o punto de aforo con cámara realizarase na avenida da Maía, na rotonda do núcleo urbano, onde conflúen as estradas AC-543 e AC-544.

Ademais, realizarase un control de volume de tráfico, a través de tubos pneumáticos de altas prestacións, para realizar estudos de tráfico de maneira fiable e exacta, nos seguintes lugares: O Milladoiro, na Travesía do Porto, en fronte á Casa da Cultura; en Bertamiráns, na AC-543, antes do Tremo (pouco despois da intersección coa Travesía do Pedregal); e na estrada provincial 0205, na rotonda do CEIP Agro do Muíño.

Share.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial