Padrón, 3 de decembro do 2020 – O BNG de Padrón presentou no último pleno un ambicioso plan para o mercado que incluiría amplialo ao casco urbano.
As ideas nacionalistas non chegaron nin a ser debatidas xa que a urxencia da moción foi rexeitada polo equipo de goberno. Non é a primeira vez que o BNG leva a pleno ideas para revertir o que consideran unha situación de “total abandono”.
Un proxecto de reactivación
O proxecto do BNG propón actuacións a curto, medio e longo prazo e a participación de todos os sectores implicados. Outro dos eixes é o deseño dun regulamento que garanta dereitos e deberes e evite o intrusismo e as irregularidades nos postos.
Os nacionalistas propoñen un impulso específico dos postos de verduras e froitas locais cara a produción ecolóxica, produtos de tempada e situados en lugares concretos. A comunicación coas parroquias máis afastadas do concellos e potenciar o tren son outras das medidas suxeridas.
Mercado complementario no casco urbano
Para o BNG o mercado de Padrón “é vida social, económica e cultural” e consideran que “introducir o mercado no casco urbano con postos cunha oferta complementaria ao comercio local supón unha oportunidade de ampliar contido, implementar actividades e campañas especiais incluso cunha regularidade distinta segundo as épocas do ano”.
Mellora da recollida de residuos
Finalmente os nacionalistas explican que o proxecto debe ir “obrigatoriamente acompañado dun plan medioambientalmente responsable que promocione o uso de alternativas aos plásticos e que xestione os residuos dun xeito individual e colectivamente responsable”.