Propoñen unha rampa mecánica na rúa do ambulatorio Concepción Arenal de Santiago

0

Compostela, 5 de marzo do 2021 – O Partido Popular de Santiago presentou a proposta dunha rampa mecánica que axudaría a superar o alto desnivel da rúa Santiago León de Caracas no ensanche compostelano.

A proposta é unha das máis relevantes das presentadas ao goberno municipal de Santiago para ser incluídas nos orzamentos municipais que agora se negocian. Os populares consideran que esta iniciativa pode ser unha das chaves da aprobación das contas municipais o vindeiro día 12.

Unha zona con alta densidade peonil

Os concelleiros Alejandro Sánchez-Brunete e María Castelao foron os encargados de prensentar en rolda de prensa o proxecto de mellora de accesibilidade da rúa Santiago León de Caracas.

Sánchez-Brunete subliñou que esta actuación suporía unha importante humanización dunha rúa pola que transitan un gran número de peóns, usuarios dos dous centros sanitarios e educativos que se atopan nesta contorna, ou usuarios da estación Intermodal, que se porá en uso nos vindeiros meses. Para o portavoz Popular, trátase dunha actuación de gran rendibilidade, posto que non existe en Santiago ningún posible proceso de reurbanización que poida beneficiar a tanta xente.

María Castelao foi a encargada de expoñer esta medida e sinalou que a actual pendente da rúa León de Caracas supón unha importante dificultade para os peóns, sobre todo, para as persoas maiores e as que teñen dificultades na súa mobilidade, polo que remarcou que “esta idea parte da busca da mellora da accesibilidade e a conectividade da zona, posto que pretende facilitar a subida da rúa en sentido Hórreo cara a rúa da Rosa e, ademais, esta permitiría unha maior permeabilidade dos peóns da contorna da estación cara o Ensanche Sur”.

A proposta, que afectaría a marxe esquerda, consiste na instalación de dúas ramplas en sentido ascendente de 28 metros de longo cada unha, cunha separación de 10 m, aproveitando o espazo que, neste momento, ocupan as xardineiras e a zona de carga e descarga e aparcamento das ambulancias, ademais da modificación da situación actual dos contedores de lixo da parte máis baixa da rúa.

Este proxecto permite o  movementos dos peóns dun lado a outro da rúa, posto que non é unha rampla continua, e manteríase a parada dos autobuses diante do centro Concepción Arenal e distribuiríase unha nova zona de aparcamento das ambulancias.

Actuación estudada

María Castelao engadiu que para este proxecto levouse a cabo un estudo técnico previo e unha valoración económica que concluíu que “esta é unha actuación perfectamente factible para o Concello”.

“Esta actuación ten un custe-beneficio moi elevado, xa que estimamos que o custe desta humanización ascende a pouco máis de 680.000 euros, que suporía un 0,55% do orzamento total do Concello, que ascende a 127 millóns de euros e, si pensamos só no investimento dedicado a inversións, suporía o 4,1 % deses 17 millóns de euros que contempla o orzamento actual plantexado polo Goberno municipal”, incidiu.

Así mesmo, remarcou que esta actuación beneficiaría tanto ao comercio, como a hostalería santiaguesa, xa que a facilidade do tránsito desta rúa levaría a moitas das persoas a moverse polo resto do Ensanche, revitalizando a moitos dos negocios existentes.

Negociación orzamentos

No transcurso da súa comparecencia, Alejandro Sánchez-Brunete explicou que esta é unha das propostas que completa outras que se lle presentaron ao alcalde, posto que o Grupo Municipal Popular ofreceulle a Sánchez Bugallo un importante menú orzamentario, para que escolla, sempre que a súa elección final teña unha relevancia acorde co peso do Grupo Popular.

Por outra banda, o portavoz Popular subliñou que “os orzamentos municipais deben reunir tres características, teñen que ser transparentes, útiles e equitativos, en definitiva, teñen que responder a necesidades maiúsculas”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial