Quinta edición da Semana do libro de Compostela

0

Compostela, 2 de setembro do 2021 – A SELIC, Semana do libro de Compostela, chegará a súa quinta edición a partir do vindeiro día 11 e ata o 19 de setembro.

A Semana do libro era presentada no concello de Santiago pola responsable de Acción Cultural, Mercedes Rosón, e Camilo Franco, director da SELIC, O obxectivo, explicaron, debater sobre as múltiples forma de lectura na post-pandemia, abrir unha liña de pensamento sobre o mesmo acto de ler.

Na presentación Mercedes Rosón, salientou que este ano a SELIC centrará as súas accións na rúa do Vilar “a Semana do libro quere estar no medio da rúa e da xente porque a cultura queremos entendela como algo habitual para os e as santiaguesas e para identificar a Santiago como unha cidade para ler, unha cidade de libros, de debate, de conversa, unha cidade de argumentos e de ficción”.

Pola súa banda o director da Semana do libro, Camilo Franco, explicou que “o programa da SELIC atende a multitude de intereses que ten a sociedade desde o punto de vista da lectura e tamén quere abrir unha reflexión sobre a propia lectura. Ler é algo que non se practica agora como hai dez anos: hai máis soportes, hai máis maneiras de ler e como se le condiciona o que se le”.

“A SELIC terá 50 títulos como principais protagonistas que, como mínimo, serán 50 oportunidades para desfrutar da cidade e da cultura”, destacou Mercedes Rosón. Cunha programación que amplía os focos de atención, o festival contará coa presenza de Domingo Villar, que estará en Compostela para compartir o seu primeiro libro de relatos.

A cidade será a protagonista nos paseos organizados pola Asociación de escritoras e escritores en lingua galega (AELG), nos que participarán autoras como Berta Dávila e Marcos Calveiro, que levarán ás asistentes polos lugares representados nas súas respectivas obras. Dous percorridos estarán centrados na relación da capital galega coa escritora Emilia Pardo Bazán e nas conexións de Compostela coas múltiples formas do cinema ao longo dos anos, neste caso os paseos estarán coordinados por Maos Innova-ción Social.

Luís Pardo entrevistará a Esteban Hernández sobre os seus libros centrados nas claves da situación político-económica do país. Federico García Lorca, agora tamén presente na Alameda de Compostela, centrará un faladoiro con Henrique Alvarellos e Aníbal Malvar no centenario do seu nacemento. Tamén se reivindicará a figura de Roberto Vidal Bolaño cun coloquio e a proxección do filme Doentes, de Gustavo Balza. Tampouco faltará a música en directo, con concertos como o de Alfonso Espiño, que tamén debullará o seu libro sobre a escena musical compostelá entre os anos cincuenta e o 1978. O programa completo irase debullando ata o día 10, cando dea comezo o festival.

A concelleira de Acción Cultural asegurou que esta quinta edición da SELIC “reclama atención sobre algunhas historias propias de Santiago como espazo para a fantasía, a Compostela da música rebelde e a do cine e teatro”, que terán unha presenza significativa “que vén reafirmar a longa relación entre a cidade e todas as formas de facer cultura, esas formas de facer cultura das que hoxe a cidade pode sentirse orgullosa”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial