Reclaman a volta do servizo de pediatría ao Centro de Saúde de Conxo

0

Compostela, 13 de abril do 2021 – Compostela Aberta levará a Pleno unha moción para reclamarlle á Xunta que recupere o servizo de Pediatría no Centro de Saúde de Conxo.

O servizo fica suspendido en Conxo  desde o pasado 26 de marzo. A concelleira María Rozas lembrou que este servizo vén sendo desmantelado de maneira paulatina nos últimos anos, “primeiro sen cubrir as ausencias da persoa titular, e máis recentemente limitando a atención presencial a só dous días á semana, antes da supresión definitiva”. Na moción, o grupo municipal de CA tamén lembra a débeda que tén pendente o Goberno galego coa construción do novo Centro de Saúde de Conxo.

Centro de saúde de Coxo ao carón da Igrexa

María Rozas explicou que, tal e como denunciou a Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS, xa desde xaneiro o SERGAS decidiu reducir a atención presencial para a poboación infantil de 0 a 14 anos a só dous días á semana, os martes e os xoves. Para a concelleira, “esta decisión é difícilmente xustificable, tendo en conta que Conxo é unha das zonas de Compostela que máis vén medrando en poboación nos últimos anos, e polo tanto conta cun elevado número de nenos e nenas que teñen dereito e precisan recibir atención no seu centro de saúde de referencia”.

Rozas sinalou que non é a primeira vez que a veciñanza de Conxo sofre as consecuencias da mala planificación e dos recortes do SERGAS. Xa en 2018 producíronse demoras de máis dun mes na atención aos nenos e nenas porque non se cubriu a ausencia da pediatra do centro de saúde.

A edila lembrou “a importancia da atención nos prazos establecidos á poboación infantil, sobre todo aos bebés, para os que é fundamental a atención temperá para detectar determinados problemas de saúde”.

A concelleira de Compostela Aberta aproveitou para lembrar que “a veciñanza de Conxo leva anos agardando por un novo centro de saúde, comprometido pola Xunta en 2008, e que segue sen figurar nos orzamentos autonómicos”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial