O Pino, 25 de xuño do 2019 – Ante a falta de novas sobre as intencións do equipo de goberno de Manuel Taboada, alcalde de O Pino, os socialistas veñen de presentar unha proposta de organización para esta lexislatura.
A proposta socialista aposta por aumentar a periodicidade dos plenos pasando dunha por trimestre a unha ao mes. Tamén reclaman que se cambie a hora de celebración das mesmas. Dende o PSOE piden que pasen a celebrarse as 20:00 horas, en vez das 13:30 horas, facilitando así a asistencia da veciñanza.
Sen Xunta de Goberno
O Psoe quere tamén que se elimine a Xunta de Goberno Local, “a lei non obriga a dispoñer de este órgano nos concellos con menos de 5.000 habitantes, e creemos que non é necesaria, as competencias as asumiría o Pleno”, apuntan. Así mesmo, demanda a creación de seis comisións informativas; urbanismo, turismo, educación cultura e deporte, facenda, servizos sociais, e servizos públicos. Comisións que terían como misión principal o estudo das diferentes propostas para afrontar os novos retos, dadas as coincidencias programáticas dos tres partidos nas pasadas eleccións. Propostas como; modificación do Plan Xeral; ordenanza dos pisos turísticos; accesos á autovía A54; Xacobeo 2021; ampliación da gardería e CPI; construción do Centro de Día; etc… “todo isto se prometía en campaña, e por parte de todos os partidos, agora, xa rematada a campaña, é a hora de que as promesas muden a feitos, é a hora de poñerse a traballar para que entre todos e todas busquemos as mellores solucións para os nosos veciños/as. Nós, estamos por esa labor, pronto saberemos que opina o resto”, afirma o equipo socialista de O Pino.
Por último, tamén propoñen limitar a cantidade dedicada para as dedicacións exclusivas, fixando un tope de 36.000€ anuais. Unha rebaixa considerable en comparación a anterior lexislatura onde o gasto anual por este concepto ascendía a máis de 85.000€. Os socialistas, son sabedores que a última palabra sobre a proposta a terá o alcalde popular, Manuel Taboada, o contar coa maioría absoluta, aínda que o convidan a facer autocrítica “nas pasadas eleccións acadou o seu peor resultado, e pola contra a oposición, PSdeG e BNG, sube en votos e porcentaxe, debería gobernar para todos e todas, e a mellor forma e tendo en conta e escoitando as forzas da oposición”, indican.