Teo, 5 de marzo do 2021 – A presión para que a Xunta se faga cargo do comedor do colexio dos Tilos e cada día maior e os país comezaron as movilizacións.
A ANPA dos Tilos está levando a cabo unha recollida de firmas en Change.org que espera chegar as 1.000 sinaturas. Por outra banda a vindeira semana, de martes a venres, farán concentracións desde as 13.30 ás 13.55 diante da pancarta que teñen colgada no colexio.
Unanimidade política
A presión do colectivo de pais conseguiu ademais algo que parecía impensable hai unha semana. Todos os partidos políticos con representación municipal, SondeTeo, PSdeG-PSOE, PP e BNG, votaron a favor dunha moción de apoio ás demandas dos pais.
O acordo adoptado é claro e apoia “a solicitude da Anpa do CEIP Os Tilos á Consellería de Educación da Xunta de Galicia, para que xestione dende este centro o seu comedor”.
A segunda parte do acordo compromete a remitir o documento aprobado á Consellería de Educación da Xunta de Galicia así como ao Presidente da Xunta de Galicia.
Na sesión plenaria todos os grupos amosaron o apoio á reivindicación da Anpa e explicitaron a necesidade de que este servizo de comedor nos Tilos se poida prestar o antes posible.
Dende o Concello solicitouse hai semanas unha entrevista ao Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, petición que aínda non foi atendida.
Durante a sesión tamén se acordou, por suxestión do voceiro do BNG, Manuel Barreiro, a colocación dunha pancarta reivindicativa no balcón do Concello para darlle máis visibilidade a este problema.