Bisbarra, 23 outubro 2018 – Os colectivos veciñais que desde hai tempo veñen loitando contra agresións medioambientáis como a mina de Touro, a planta de residuos da Casalonga ou o vertedoiro de Miramontes en Compostela veñen de unirse na Rede de Plataformas Compostela Ulla Tambre.
A Rede de Plataformas presentáronse onte nunha rolda de prensa e esta tarde organizan o primeiro acto no Pazo do Faramello, será unha charla coloquio as oito e media da tarde. Desde o colectivo explican que “Diante das diversas agresións que se están a producir nesta contorna xeográfica pola falta de planificación, control e sentido de pais, a Rede de Plataformas emprende unha acción común encamiñada a pór de manifesto esta situación. O obxectivo é facer partícipe á cidadanía e ás institucións dos graves problemas que afectan á contorna de Compostela e das cuncas do Tambre e o Ulla”.
No acto de esta tarde as diferentes plataformas que integran a Rede exporán polo miúdo a súa peculiar problemática e a interacción que se dá entre todas. Acompañarán a exposición de imaxes e vídeos que axudarán a entender a dimensión dos problemas medioambientáis dos que están a falar.
Por este motivo, fan un chamamento a toda a sociedade civil: partidos políticos, asociacións ecolóxicas veciñais, plataformas medioambientáis, persoas individuais para que asistan á charla-colcoquio e saiban ata que punto é vital coñecer esta realidade.