Compostela, 23 de xuño do 2022 – O Grupo Popular de Santiago rexistrou no concello unha pregunta ao goberno local para coñecer os motivos da demora na licitación do proxecto de iluminación da rúa das Estrelas.

A rúa das Estrelas comunica o estadio de San Lázaro co auditorio do Monte do Gozo, desde o paso inferior da SC-20 en dirección a San Martiño de Aríns. Un proxecto de 68.050 euros, cun prazo de execución de 8 semanas.
Ademais do retraso a licitación sufriu a renuncia das catro empresas que se presentaron á licitación para cumprimentar a documentación esixida para formalizar o contrato, polo que o concurso acabou declarándose deserto.
O proxecto de iluminación da rúa das Estrelas foi redactado en decembro de 2018 e aprobado polo Goberno local en agosto de 2020, aínda que a súa licitación non se acordou ata setembro de 2021. O 20 de xaneiro deste ano 2022 acordouse desbotar a mellor oferta por baixa temeraria, propoñendo a adxudicación a unha segunda empresa, que acabou por renunciar ao igual que farían consecutivamente as outras tres licitadoras, polo que o 2 de maio se declara deserta a licitación.
O Partido Popular explica que estes sucesivos retrasos obrigaron ao goberno a contratar de urxencia a iluminación de todo o traxecto mediante proxectores provisionais instalados nos postes do tendido eléctrico, alí onde era posible, e mediante grupos xeradores autónomos no resto, co conseguinte gasto extra.
O Partido Popular solicita información sobre os motivos polos que non se axilizou en todo este tempo a contratación do proxecto para iluminar a rúa das Estrelas, para evitar chegar á situación de ter que declarar deserto o contrato a poucos días da celebración do festival do Son do Camiño.