Bisbarra, 21 de febreiro do 2022 – Cada ano Rosalía de Castro sorprende sendo o centro dunha iniciativa innovadora como é o caso de Es ti que cantas.
Es ti que Cantas é un proxecto que pon a mirada na xeración Z pero que ofrece moito a toda a sociedade. Os audiolirbos de Rosalía de Castro son unha de esas pezas que, de xeito sorprendente, faltaban por encaixar.
Es ti que cantas
O proxecto presentouse no Instituto da Lingua Galega con Tamara Canosa, directora de “Es ti que cantas”; Rocío González, lectora dos audiolibros; Xosé Barato, director artístico dos audiolibros; e Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro.
En estiquecantas.gal o público atopará diferentes formas de achegarse á obra de Rosalía de Castro: audiolibros, pílulas audiovisuais, unha unidade didáctica e un concurso.
Todas orientadas a que a voz de cada persoa atope na de Rosalía un camiño de descubrimento porque “cando Rosalía escribe, todas e todos soamos na súa voz” en palabras de Tamara Canosa.
Canosa engade un obxectivo claro “con isto buscamos botarlle unha ollada á Rosalía menos reivindicada: alegre, rebelde, adiantada á súa época, feminista cando aínda non había feminismo e ecoloxista cando aínda non había ecoloxismo”.
Buscando á xeración Z
O concurso #ESTIQUECANTAS busca a complicidade dos rapaces de 12 e 18 anos e desenvolverase en Instagram e Tik Tok para que interpreten a obra en galego de Rosalía de Castro segundo o seu ollar. Crearán un vídeo breve (menos de 60 segundos e coa súa propia linguaxe: memes en movemento, gifs, stickers…) no que difundiran o que lle inspiran as palabras da escritora para compartilo a partir do 23 de febreiro, o día de Rosalía, e ata o próximo 15 de marzo.
O xurado -formado por Lucía Aldao, e as tiktokers Prado Rúa e Malva. Os gañadores dranse a coñecer o próximo 21 de marzo, Día Internacional dos Bosques e da Poesía dende as contas de @estiquecantas de Tiktok e Instagram.
Audiolibros
O proxecto nace dos audiolibros coa obra de Rosalía de Castro. Concibidos como unha ferramenta para multiplicar a súa voz dende a accesibilidade e a implicación directa coas lectoras e lectores, coas e cos ouvintes.
Tal e como explicou Rocío González, “tanto o director artístico dos audiolibros, Xosé Barato, coma eu, quixemos ser unha canle, darlle protagonismo ao que xa está escrito deixándonos levar pola musicalidade, a métrica, o ritmo… da obra de Rosalía”.
As claves da lectura para poder levar esta parte do traballo a cabo proporcionoullas Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, que afirmou que “celebrar a Rosalía non é celebrar o pasado. Cando ela naceu, naceu o futuro. O que celebramos é o futuro” poñendo tamén o aceno no especial que é este proxecto polas súas características e a súa natureza novidosa.