Silleda, 19 de xuño do 2020 – O goberno municipal de Silleda non outorgará permisos para a celebración de festas este verán. A decisión comunicóuselles aos organizadores na reunión mantida esta semana.
O alcalde de Silleda, Manuel Cuiña, xunto coa concelleira de Cultura e Turismo, Mónica González, explicou que “as condicións nas que se plantean as festas son totalmente inasumibles” e lamentou que “a Xunta permita a partir do 1 de xullo facer festas deixando toda a responsabilidade aos Concellos e ás comisións de festas.
“Sabemos que nos próximos días se vai a publicar unha normativa específica para a celebración das festas, pero visto o que se avanzou nos últimos días é case imposible controlar certas cuestións de seguridade”, sinala o alcalde, lamentando que “ao igual que acontece ca reapertura dos parques municipais todo o peso e responsabilidade recae unha vez máis nos concellos”, engade.
No caso de Silleda foron xa varias nos últimos días as comisións que comunicaron ao Concello a decisión de suspender os festexos. “É unha enorme responsabilidade e tamén un risco que vemos innecesario correr”, apuntou. O goberno municipal convocou esta xuntanza para informar aos colectivos e comisións da súa decisión, compartida polos organizadores, e disipar dúbidas sobre cuestións relacionadas coa celebración das festas.
“Temos claro que nestas condicións e ca situación que estamos a vivir por esta crise sociosanitaria non imos a outorgar este ano permisos para a celebración das festas”, engadiu.
Cuiña lembrou tamén que a propia Administración autonómica suspendeu xa en maio as axudas para a promoción de festas de Interese Turístico (Silleda conta coa Tortilla de Laro e a Empanada da Bandeira). “Non ten ningún sentido facer as festas así”, remarcou o alcalde, que agradeceu a asistencia a esta convocatoria.
Actividades culturais
Por outra banda tamén se explicou que se está a rematar a programación dun ciclo cultural para dinamizar as vilas do municipio, relacionado coa campaña de promoción do comercio e a hostalería, e que incluirá tamén actuacións no Mosteiro de Carboeiro. Son actividades que terán lugar na súa maioría nas fins de semana coa participación de grupos e artistas silledenses.