Silleda, 22 de outubro do 2019 – O Concello de Silleda apoiará ao piloto Cristian Costoya que participa en Nápoles no que será a súa segunda participación no mundial de karts.
O alcalde, Manuel Cuiña, a concelleira de Deportes, Mónica Gonzálaez, e a concelleira Pili Peón viaxarán esta fin de semana a Nápoles para estar presentes na gran final do Rotax Max Challenge o sábado 26 arroupando a Cristian Costoya.

imaxe de arquivo do alcalde, Manuel Cuiña, con Cristian Costoya
O pasado mes de marzo, o Concello asinou co pai do corredor un acordo de patrocinio polo que o Concello aporta 15.000 euros a este prometedor deportista que está a participar en competicións a nivel mundial. Con tan só 9 anos Cristian conta xa cun gran palmarés na súa carreira, que iniciou con 4 anos.
Ao día seguinte de cumprir os 6 anos, logrou a súa primeira vitoria absoluta, Pole e volta rápida na categoría alevín do campionato galego, no que competiu con rivais de ata 11 anos. Foi elixido tamén o mellor piloto español do ano polos lectores do portal especializado Vroom o pasado ano, cando se fixo tamén co Trofeo Ibérico Rotas Micro e o de Portugal, dándolle este último o seu pase á final de Brasil, na que participou no mes de outubro pasado.
Boas primeiras impresións
Cristian xa tivo ocasión de rodar en Nápoles e con moi bos resultados. Na primeira xornada de adestramentos levou a voz cantante sendo o máis rápido en dúas das tres mangas e segundo na terceira. Estes resultados amosan a perfecta adaptación do piloto ao kart; hai que lembrar que todos corren con vehículos similares cedidos pola organización.