Silleda presenta o seu programa de Nadal

0

Silleda, 25 de novembro do 2021 – A programación de Nadal en Silleda contará este ano con preto de 30 actividades dende decembro e ata o 8 de xaneiro.

Concertos, teatro, xogos tradicionais, e clásicos como a visita de Papa Noel, carreira de San Silvestre e a Cabalgata de Reis volven á programación de Nadal do concello.

As propostas arrancan coa campaña organizada polo colectivo de Empresarios e Comerciantes de Silleda (ECOS), na que tamén colabora o Concello de Silleda. O 1 de decembro comezarán os sorteos diarios de premios, a modo de Calendario de Advento, que se prolongarán ata o 24 de decembro. O sorteo desta última xornada será o día 26.

O venres 3 celebrarase no auditorio da Casa da Cultura o coloquio protagonizado pola artista e ilustradora Raquel Riba Rossi, creadora da saga Lola Vendetta, baixo o lema “Máis Vale Soa”, organizado dende o departamento de Igualdade. A cita será ás 18:00 horas.

O venres día 10 abrirase ao público no Centro Cultural Vista Alegre o Belén Tradicional e o sábado 11, tamén na Bandeira terá lugar o concerto de Santa Icía da Banda Recreativa e Cultural da Bandeira, protagonizado este ano por clásicos de compositores rusos (20:00 horas auditorio Dopazo).

O venres 17 arranca o concurso de decoración #SilledaFaiNadal, para o que xa están abertas as inscricións ata o 10 de decembro.

Tamén na xornada do 17 terá lugar a VI Feira da Alegría, o mercadiño solidario do CEIP Plurilíngüe de Silleda, que se celebrará durante a mañá na praza Juan Salgueiro de Silleda. A xornada rematará coa representación da obra teatral “Rosalía”, a proposta de Culturactiva que narra a infancia da autora de Cantares Gallegos. A cita, do programa Nadal en Rede, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, será ás 18:00 horas no auditorio Manuel Dopazo da Bandeira.

O sábado 18, a música será a protagonista. En Silleda celebrarase na igrexa parroquial de Santa Eulalia o tradicional Festival de Panxoliñas da Coral Polifónica Trasdeza (20:30 horas) e na Bandeira celebraránse distintas actividades durante a xornada na que será a presentación do colectivo Festibandeira. Así, na praza do auditorio haberá pola tarde actividades de animación infantil (de 17:00 a 19:00 horas), e a continuación concertos con Rodrígo Ramos, A Kona Ke Te Fixo, Cloaca, SMAW e outros artistas convidados.

O domingo 19 ás 17:30 celebraránse no auditorio da Semana Verde as Audicións de Nadal da Escola de Música de Silleda, organizadas polo centro e a Anpa Musiquiños.

O programa intensifícase a partir do 22 de decembro, día no que comezan as vacacións nos centros escolares. Así nesta xornada arrancará a Ludoteca de Nadal, con actividades para nenxs de 3 a 12 anos nas dúas vilas (Casa da Xuventude en Silleda e auditorio Manuel Dopazo da Bandeira), de luns a venres (agás o 6 de xaneiro) en horario de 09:00 a 14:00 horas. O prazo de inscrición aínda segue aberto para participar nesta actividade lúdica e de conciliación para as familias.

Tamén na xornada do 22, ao mediodía, se celebrará a tradicional Xuntanza de Nadal dos maiores no resturante Coteliño, ás 14:00 horas, e pola tarde a Anpa Raparig@s organiza unha sesión de cine en familia na Casa da Cultura de Silleda ca proxección da película de Disney “Encanto”, ás 17:30 horas.

O 23 e o 30, serán Xoves de Churros en Silleda, con descontos promocionais en distintas cafetarías adheridas para os clientes do comercio local.

A campaña de ECOS inclue tamén a visita de Papa Noel a comercios da asociación de Silleda e da Bandeira durante a xornada do 24.

No día de Nadal volve outra das tradicións en Silleda: o desfile e recepción de Papa Noel na vila da Bandeira, organizado pola Asociación Cultural Vista Alegre en colaboración co Concello de Silleda. O desfile partirá dende a praza do auditorio ás 17:30 horas ata chegar ao Centro Vista Alegre onde se celebrará a recepción e non faltará o chocolate con churros para as persoas asistentes.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial