Silleda, 8 de maio do 2020 – Silleda abrirá a biblioteca Daniel Castelao desde o próximo luns con horario reducido e só para servizo de préstamo.
A biblioteca abrirá de luns a venres de 09:00 a 13:00 horas para retirar e devolver libros. As persoas usuarias que se acheguen ata este centro terán que agardar o turno de entrada no caso de que haxa outras persoas no interior.
A actividade retomase ao dar comezo a fase 1 da desescalada na que está prevista este tipo de servizos. Progresivamente, e sempre cumprindo coas medidas de seguridade e distancia interpersonal, iranse incrementando os servizos da biblioteca pública e municipal silledense.
Dende que se pechou ao público o pasado 13 de marzo, o persoal municipal encargado deste centro estivo a realizar tarefas de mantemento e reorganización dos volumes dispoñibles. Asimesmo, o centro de Silleda incorporouse a finais de 2019 ao sistema integrado de xestión bibliotecaria nun entorno unificado, para a consulta dos catálogos, coa incorporación entre outros de tarxetas dixitais para as persoas usuarias, un carné único da rede de bibliotecas.