Tres voces en Liña coa Deputación da Coruña

0

Bisbarra, 4 de decembro do 2020 – A Deputación da Coruña ofrecerá desde o Teatro Colón tres concertos baixo o nome de Tres Voces en Liña.

Os concertos, organizados desde o departamento de Cultura do ente provincial, serán os días 11, 17 e 20 as oito da tarde e as voces serán as de Faia, Emilio Rúa e Ugia. A retransmisión, ao vivo, será a través da canle de Youtube da Deputación.

Programación

A voz de Faia, co concerto de peche da súa xira “Ao Cabo Leirín!, inaugurará o día 11 o ciclo #Tres-voces-en-liña. Un espectáculo íntimo, unha experiencia diferente na que deixarse levar pola verdade do canto. FAIA está acompañada por Benxamín Otero no corno inglés e a caixa de música e por Hevi no son e na produción.

Completa o espectáculo un tocadiscos no que xiran as gravacións orixinais das que FAIA aprendeu, sendo a interactuación cos arquivos, co noso patrimonio sonoro, coas nosas mulleres, unha parte importante e especial do concerto.

O proxecto de Emilio Rúa “Lendas do Camiño” será o día 17. Rúa amosa dun xeito intimista con guitarra e piano parte das lendas que compilou durante 20 anos converténdoas en cancións e que se plasmarán nun disco no 2021.

Como di o autor “profundizo nesta temática galega que é parte do noso Patrimonio Cultural Inmaterial, moi valioso, que resistiu o paso do tempo e se mantivo vivo grazas á xente que as transmitiu de boca en boca”. Ademais neste espectáculo estarán presentes outras cancións da súa autoría e dos seus discos, sempre imprescindibles nos directos.

A Pedreira é a nova proposta escénica da artista Ugia Pedreira que pechará o ciclo o día 17. É un espectáculo que acredita na música como unha arte escénica. Guitarra en mao pasa por múltiples mesturas sonoras, desde unha dama vintage do blues da galeguidade á cantautora de numen folk americano, ou latinoamericano, unha rapeira trad ou unha sofisticada pandereiteira galega con reminiscencias africanas.

A Pedreira é o proxecto en solitario de Ugia, desta vez para ela soa. Acompañada de guitarra, pandeireta e o seu corpo móbil incorpora, nalgúns momentos, ao músico bretón Pierre-Yves Rougier con quen comparte vida, visión e común pensar sobre o feito musical.

Ao vivo pero non en diferido

O Deputado de Cultura, Xurxo Souto, explica que “Os concertos terán lugar nun espazo único como é o Teatro Colón mais, polas restricións da Covid, serán moi poucas as persoas que poderán asistir en directo polo que decidimos que, tres espectáculos desta singularidade, merecían chegar a un público máis amplo cunha retransmisión online”.

Os concertos poderanse ver na canle de Youtube da Deputación da Coruña ao tempo que se están producindo no Teatro Colón, pero non en diferido xa que, o obxectivo é ampliar o aforo da programación no horario en que se desenvolve, da mesma maneira que se asistiría á sala.

“Queremos apostar pola cultura, pola produción e o goce da cultura, cumprindo escrupulosamente os protocolos sanitarios e, por iso, esta posibilidade parécenos a máis acaída para seguir programando con calidade e para un público amplo, desconfinando a través da rede”, sinala Xurxo Couto.

#Tres-voces-en-liña será unha oportunidade única de asistir ao concerto de peche da xira “Ao Cabo Leirín” de Faia e poder coñecer de primeira man e ao vivo o que será o próximo disco de Emilio Rúa, “Lendas no Camiño” e a nova proposta escénica de Ugia Pedreira “A Pedreira”.

“Son tres apostas de calidade que mostran o nivel da música galega de creación propia, a singularidade de tres voces poderosas e con personalidade de seu que queremos difundir e promover”.

Couto anuncia tamén que a programación da Deputación da Cultura no Teatro Colón rematará o ano o día 23 de decembro co concerto “De Natal aos Reis”, coa tradición musical de Galiza e Portugal por medio de tres intérpretes das dúas beiras do Miño da man de Catarina Moura, Cesar Prata e Ariel Ninas.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial